Escrito o:
CEL e Macrocopia suscriben un convenio para impulsar a transformación dixital das empresas lucenses
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a empresa Sistemas Macrocopia S.L. veñen de suscribir un acordo de colaboración que esperan sirva de base para “impulsar a transformación dixital das pemes lucenses”.
O convenio foi firmado onte na sede central da CEL nun acto no que participaron Jaime López, o secretario xeral da organización empresarial lucense, e Jorge Rois, CEO de Macrocopia.
A colaboración entre ambas as entidades permitirá o desenvolvemento dun plan estratéxico de promoción, apoio, acompañamento e execución da transformación dixital das empresas lucenses no que Sistemas Macrocopia achega asesoramento, acompañamento e execución de proxectos de transformación dixital nas empresas asociadas á CEL.
Máis concretamente, ofrecerá ás empresas da Confederación os seguintes servizos sen custo adicional: servizo integral de consultoría previa por parte dun asesor persoal; auditoría IT por parte do equipo técnico de Sistemas Macrocopia para a avaliación da situación tecnolóxica; presentación de estado da infraestrutura informática e tecnolóxica e proposta de mellora para transformación dixital da empresa.
Transformación na CEL
Durante os últimos meses Macrocopia xa desenvolveu na CEL un proxecto de transformación dixital integral que afecta a toda a infraestrutura informática de entidade, e a través do que se trata de responder os desafíos tecnolóxicos inmediatos e futuros.
A través deste proxecto implantouse na Confederación a solución integral 360it, que aborda retos como a ciberseguridade, a comunicación e colaboración a distancia e o teletraballo seguro, o que implica unha optimización e protección dos recursos tecnolóxicos dispoñibles na CEL.
O secretario xeral da CEL cre que a través desta nova solución se asegura tamén “unha mellor atención, asesoramento e protección dos socios”. Subliña que a súa implantación “foi un éxito na CEL; permitiunos unha modernización rápida e eficaz para facer fronte ás necesidades, hoxe perentorias debido á COVID-19, de ser eficaces na programación de reunións a distancia, videoconferencias ou xestión do teletrabajo, entroutras”.
Macrocopia é unha das trinta e cinco empresas que hoxe conforman o consello asesor da CEL e que se caracterizan por estar á vangarda do tecido empresarial en Lugo. No caso de Macrocopia, a súa traxectoria e crecemento aválana como unha das empresas da provincia con maior capacidade para ofrecer servizos técnicos e de consultoría tecnolóxica para facilitar a necesaria transformación dixital das empresas.
Concretamente, Sistemas Macrocopia S.L. é líder na provincia no ámbito tecnolóxico e cun amplo percorrido desde a súa creación en 1987, conta con máis de 10.000 solucións implantadas. A súa orientación ao servizo de calidade queda contrastada ao tratarse da única empresa da provincia que conta con catro certificacións ISO relacionadas coas novas tecnoloxías: Seguridade da información ISO27001; Medio ambiente ISO14001; Calidade ISO9001; Xestión de servizos IT ISO20000.