Voltar atrás

Escrito o:

A CEL valora moi positivamente a iniciativa de capital risco do Concello de Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) valora “moi positivamente” o fondo de capital risco "Lugo Transforma”, que ven de presentar o Concello de Lugo para apoiar a iniciativas emprendedoras coa sustentabilidade por bandeira e que aparellará un a investimento de doce millóns de euros en empresas que se instalen no municipio.

A CEL considera que esta iniciativa “entronca directamente co potencial empresarial do noso territorio, ao centrarse na economía verde e sustentable”, e espera que “redunde no fortalecemento efectivo do noso tecido empresarial”. 

A organización empresarial entende que a aposta por proxectos relacionados co medio ambiente, a sustentabilidade, a economía circular, as enerxías limpas, as novas tecnoloxías ou o I+D+i, sectores que o Concello de Lugo anunciou que se apoiarán a través do novo fondo de capital risco, é “unha ollada ao medio e longo prazo dun modelo de desenvolvemento para unha cidade que necesita sacar partido dos seus recursos naturais e ofrecer alternativas para xerar emprego e fixar poboación”.

Dende a CEL sublíñase que dende a súa Fundación xa se apoiaron iniciativas emprendedoras relacionadas co medio ambiente e a sustentabilidade que resultaron especialmente exitosas a nivel de xeración de riqueza e emprego e perdurabilidade no tempo, pola súa íntima relación coa contorna no que se sitúan, e que sen dúbida “ese é o camiño para o futuro de Lugo”.