Voltar atrás

Escrito o:

A CEL valora positivamente o incremento de inversión estatal na provincia, pero considéraa aínda insuficiente

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) valora positivamente o incremento do investimento estatal na provincia, especialmente notorio nalgunhas infraestruturas, unha das demandas históricas da organización empresarial, aínda que a considera aínda insuficiente dadas as necesidades existentes neste territorio.

A entidade destaca especialmente as partidas dirixidas a melloras na maltreita rede ferroviaria provincial e á finalización da A-54 no seu tramo Palas - Melide, que permitirá pechar por fin a tan ansiada conexión de Lugo coa capital autonómica.

Na mesma liña, resalta como positivas as previsións para a Estación Intermodal, non tanto pola partida prevista para 2021 como para as dos exercicios inmediatamente posteriores. Neste punto, manifesta o seu desexo de que estas partidas "se executen na súa totalidade e se axilice a posta en marcha dunha infraestrutura imprescindible para a cidade, que na actualidade dá, ao recibir aos seus viaxeiros, unha imaxe de deixamento e obsolescencia indesexables".

No entanto e en xeral, a CEL destaca que estes investimentos "non son máis que un primeiro paso para resolver a débeda histórica das diferentes Administracións Públicas para coa provincia e as súas infraestruturas", e que para que empecen a callar de face a loitar contra o despoboamento e a falta de desenvolvemento económico, "deben executarse na súa totalidade e ampliarse". 

Autovía Lugo - Ourense

Neste senso, a confederación lucense espera que aínda poidan incorporarse partidas para a tamén longamente esperada autovía Lugo - Ourense (A-56), que tiña finalización inicialmente prevista para 2010 e que polo momento queda nun segundo plano. "Dende a CEL non entendemos esta escaseza de investimento na A-56, por canto é unha infraestrutura que foi no seu momento considerada prioritaria por partidos de todas as cores, como xa dixemos en reiteradas ocasións, e que resulta imprescindible para a vertebración interior da provincia e a conexión entre a A-8 e Portugal, un veciño de gran interese comercial, económico e turístico para nós e toda a cornixa Cantábrica".

Igualmente, espera que se achegue unha solución definitiva ao problema das néboas da A-8 en O Fiouco, que "inutiliza por momentos unha infraestrutura chave para o transporte de mercadorías". 

Outra cuestión que a CEL considera fundamental é a situación de Alcoa na Mariña; opina que debería reflectirse xa nas contas do próximo exercicio un avance para a procura da futura solución á situación da factoría.

Finalmente, espera apoios en próximos orzamentos para proxectos nestes momentos practicamente non contemplan avances, como as restantes autovías con tramos en territorio provincial, e en especial a A-74 na Mariña e a A-76 en Monforte.

Oportunidade

A CEL subliña tamén que, a pesar da epidemia da COVID-19, os fondos europeos para a reconstrución deben constituír tamén "a verdadeira oportunidade, perdida até agora e durante décadas, de equilibrar o desenvolvemento territorial do país e reverter o proceso de abandono da denominada "España baleirada" e revivila, e así ten que plasmarse nos orzamentos do Estado.

Advirte tamén que nestes momentos o investimento en obras públicas é "unha receita desexable para incentivar o emprego e contribuír a reactivar a maltreita economía por causa da crise sanitaria".