Voltar atrás

Escrito o:

A CEL valora positivamente o cambio de criterio da Administración en relación á tarifa plana de autónomos

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) valora positivamente a decisión da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de atender ás diferentes resolucións xudiciais e responder positivamente a todas as solicitudes de tarifa plana de autónomos, sexan persoas físicas ou societarios, así como as reclamacións de expedientes previamente denegados que se presenten por este motivo.

Esta nova interpretación da Lei 11/2013, de 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego chega tras   tres sentencias consecutivas do Tribunal Supremo "o número 1669119 de 3 de decembro de 2019; 28612020 de 27 de febreiro de 2020 e 3|5/2020 de 4 de marzo de 2020" que sinalan que «non pode impedirse a aplicación dos beneficios na cotización previstos no artigo 31 da Lei 20/2007, do Estatuto do Traballo Autónomo, aos traballadores que ostentan a condición de socios de sociedades mercantís capitalistas», en contra do criterio que sempre mantivera a Tesouraría Xeral.

Histórico 

A CEL sinala que se tardou demasiado tempo en aplicar a todos os emprendedores unha bonificación que claramente lles corresponde, e que vén reclamando con éxito nos Tribunais xa desde 2015, ano das primeiras sentenzas nas que se daba a razón aos autónomos. 

Máis concretamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia daba razón aos servizos xurídicos da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) en 2015 ao considerar que os "autónomos societarios" teñen dereito a que se lles apliquen as reducións e bonificacións establecidas para a creación de emprego e o emprendimiento (a coñecida como "tarifa plana"), nunha das primeiras sentenzas que se ditaba sobre esta materia. 

Concretamente, o TSJ-Galicia estimaba entón, mediante Sentenza 327/2015, de 21 de maio, o recurso contencioso - administrativo interposto polos servizos xurídicos da CEL, con condena en costas para a Administración, en defensa dos socios traballadores dunha empresa lucense de recente creación, fronte á resolución administrativa ditada pola Administración da Seguridade Social rexeitando a aplicación aos mesmos das reducións e bonificacións aplicables a traballadores por conta propia de menores de 30 anos, establecidas no artigo 1 da Lei 11/2013, de 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego.

Entendía o Tribunal entón, de acordo co defendido pola CEL e a diferenza da interpretación sostida pola Administración da Seguridade Social, que a norma "non exclúe de ningún xeito aos comunmente denominados autónomos societarios" entendendo que a aplicación aos mesmos das referidas reducións e bonificacións debe ser respectada pola Administración actuante ao ser esa "a interpretación da norma que segundo o sentido propio das súas palabras e en relación co contexto, atende ao seu espírito e finalidade - obxectivo de reducir o desemprego xuvenil a través do autoemprego e o emprendimiento explicitado na Exposición de Motivos".

Desde a CEL destacouse sempre que, aínda que a Lei 11/2013 en ningún momento e de modo algún exclúe aos comunmente denominados autónomos societarios das bonificacións establecidas, na práctica desde a Administración da Seguridade Social estábaselles denegando a diario o acceso, cando precisamente esta norma foi aprobada coa finalidade de potenciar a creación de empresas e o autoemprego.

Reclamacións

Desde a Confederación anímase tamén a aqueles emprendedores que se viron á marxe da tarifa plana por resolución firme en vía administrativa, ben porque non impugnaron no seu momento, ben por resolución desestimatoria ditada en alzada, a que reclamen, xa que o Supremo prevé que poida procederse á súa revisión "se se insta expresamente polos interesados", cuxa tramitación e resolución, no seu caso, "corresponderá ao órgano que ditou o acto orixinario".