Escrito o:
A ACIA de Taboada revitalízase e dase de alta de novo na CEL
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (ACIMTA) vén de revitalizarse cunha nova directiva, presidida por Tamara Castro. O colectivo empresarial renace con novas ideas, e entre as súas primeiras decisións está a de reintegrase na Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), da que recibirá servizos de forma gratuíta até final de ano para apoiala nos seus novos primeiros pasos.
Este acordo de colaboración pechouse tras reunión mantida esta semana polo secretario xeral da CEL, Jaime López, con membros da nova directiva en Taboada (a propia presidenta e a vogal Nelida Sobrado).
López destaca que ?é moi positivo que non se deixen morrer os colectivos empresariais en zonas rurais, que son as que teñen a base da riqueza da nosa provincia e ás que, tras esta pandemia, estamos a dirixir a mirada con renovado interese?. Subliña tamén que ?a nova directiva do ACIA de Taboada é novo, vén con moito ímpeto e ánimo para xerar iniciativas que redunden en beneficio dos negocios e dos habitantes do municipio, que contribúan ao seu desenvolvemento económico e a fixar poboación, e esta idea entronca directamente cos obxectivos fundacionais e do día a día da Confederación?.
Pola súa banda, a organización empresarial taboadense se manifesta agradecida pola predisposición a axudar da CEL, de cuxa experiencia espera obter apoio co obxectivo de dinamizar o tecido empresarial de Taboada.
Visibilidade
Aínda que están pendentes de novas reunións cos seus socios para fixar un plan de traballo específico no que todos poderán achegar ideas, entre os obxectivos principais da renovada ACIMTA atópanse desde dar visibilidade a Taboada dentro do mapa da Ribeira Sacra, potenciar os recursos da zona e dos diferentes sectores que compoñen a economía local, apoiando aos negocios existentes e aos novos emprendedores que desexen instalarse en Taboada para a posta en marcha de novas iniciativas.
A presidenta de ACIMTA destaca tamén o interese da asociación en xerar actividades divulgativas e formativas específicas orientadas a pór en valor os recursos propios de Taboada, crear unha bolsa de emprego ou unha páxina web, na que xa están a traballar actualmente.