Voltar atrás

Escrito o:

CEL e ICM suscribirán un acordo para facilitar test de SARS-CoV-2 ás empresas de Lugo

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, realizou hoxe unha visita ás instalacións do Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM), o primeiro laboratorio privado de xenética de España, fundado no ano 1997 e hoxe un centro de referencia estatal. 

Acompañado do CEO de ICM, Alfonso Alba, Jaime López percorreu as instalacións deste laboratorio, o único Centro de Diagnóstico de Galicia acreditado polo Ministerio de Ciencia e Innovación para a realización de test de SARS-CoV-2 (COVID-19), tanto PCR como serológicos de anticorpos, con cumprimento de todos os estándares de calidade e capacidade técnica.

Tendo en conta o anterior, CEL e ICM estudan a firma dun convenio de colaboración para facilitar ás empresas integradas na organización empresarial lucense a posibilidade de acceso a test de detección de SARS-COV-2 para os seus persoais en condicións vantaxosas

A este acordo incorporarase a Asociación de Empresarios de Sanidade Privada da Provincia Lugo e clínicas ambulatorias da provincia interesadas, pois este tipo de test han de realizarse baixo prescrición e asesoramento médico, seguindo as directrices do Ministerio de Sanidade.

Unha vez pechada, esta colaboración sería a cuarta que a Confederación de Empresarios de Lugo materializa para facilitar a adaptación das empresas lucenses á nova situación post COVID-19. Así, mantén un convenio con AMSlab, a través do que este laboratorio ofrece servizos de asesoramento e control dos protocolos de limpeza e higienización para certificar a idoneidade e seguridade destes fronte ao coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), así como dous con provedores lucenses (Farmadismo e San Xiao Export) para facilitar o acceso a material/produtos hixiénico-sanitarios (máscaras, xel ou luvas) en condicións vantaxosas aos asociados da CEL.

Valor engadido

O secretario da CEL, Jaime López, destacou a vantaxe que supón contar con instalacións como as de ICM en Lugo, un orgullo para unha provincia necesitada de empresas "innovadoras, cunha actividade xeradora de valor engadido e riqueza máis aló dos sectores xa fortes e tradicionalmente asociados a este territorio". 

ICM

O Instituto de Estudos Celulares e Moleculares (ICM) foi fundado no ano 1997 en Lugo, establecéndose como o primeiro laboratorio privado de xenética de España. Naceu "co espírito de servir de apoio á comunidade médica na caracterización e diagnóstico molecular das patoloxías xenéticas".

Ao longo destes 20 anos ICM consolidouse como centro de referencia en xenética, prestando servizos a gran parte dos laboratorios de España, hospitais públicos e privados, Universidades e aseguradoras médicas.

Durante este percorrido ICM ha ir incorporando, progresivamente, as últimas tecnoloxías dispoñibles para poder ofrecer aos seus clientes a mellor carteira diagnóstica. Actualmente, ICM dispón dun catálogo de máis de 3.000 probas xenéticas, cuns prezos moi competitivos e uns excelentes prazos de resposta, todo iso seguindo os máis altos estándares de calidade.

Ademáis, neste momento ICM é o centro con maior capacidade de diagnóstico en xenotipado de España (e segundo de Europa), trala adquisición de tecnoloxía de última xeración.