Escrito o:
CEL e AMSlab suscriben un convenio para facilitar a hixienización fronte á COVID-19 nas empresas lucenses
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), e a empresa AMSlab veñen de rubricar un acordo polo que AMSlab ofrecerá servizos de asesoramento e control dos protocolos de limpeza e higienización para certificar a idoneidade e seguridade destes fronte ao coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19) ás empresas integradas na CEL.
O acto de firma do convenio tivo lugar hoxe na sede central da organización empresarial lucense, coa presenza de Manuel Lolo, CEO de AMSlab, e Jaime López, secretario xeral da CEL.
A CEL destaca que "é plenamente consciente de que a crise sanitaria derivada do Covid-19 sitúa ás empresas ante unha situación de enorme incerteza e desafíos inesperados non só durante o denominado plan para a transición á nova normalidade, senón tamén durante esta nova normalidade, que requirirá dunha rápida adaptación ás novas condicións de desenvolvemento das actividades económicas, entre elas as novas obrigas en materia de hixiene e desinfección nas contornas de traballo.
Sinala, ademais, "que, no contexto indicado, resulta imprescindible que as empresas, en primeira instancia, coñezan as novas obrigacións que lles resultan de aplicación en materia de hixiene e desinfección; en segunda instancia, coñezan as medidas concretas que han de pór en marcha para o cumprimento de tales obrigacións; e, en terceira instancia, poidan acreditar ante calquera interesado, xa sexa Administración, persoal traballador, cliente, provedor, etc., o cumprimento de tales obrigacións"
Neste contexto e con esta motivación, subscribe o convenio con AMSlab, en virtude do cal o laboratorio lucense ofertará ás empresas integradas na CEL, en condicións vantaxosas, os servizos de elaboración de protocolo de limpeza por réxime de actividade e paquete "Control Covid", orientado á análise de superficies en calquera tipo de negocio e/ou establecemento, en función de cada tipoloxía de negocio e cliente.
Entre as vantaxes ás que optarán as empresas da CEL en función deste acordo atópanse un desconto do 15% na tarifa de recollida de mostras por parte dun inspector de AMSlab ou asesoramento gratuíto en APPCC do negocio ou establecemento, orientado a SARS-COV-2, entre outras. Para máis información sobre o acordo e acreditación da condición de asociados, contactar coa CEL no número de teléfono 982231150.
Consello Asesor
Ademais de subscribir este convenio, AMSlab incorpórase ao Consello Asesor da CEL, un órgano interno que se viu reforzado durante o confinamento coa entrada tamén de Farmadismo e a reincorporación de Grupo MPE. En total, trinta e tres empresas da provincia forma parte hoxe deste órgano de apoio á organización empresarial lucense, entre as que se atopan as principais agroalimentarias (Grupo Leite Río, Campomayor, Megarofoods, Alibos, Absa, Porto Celeiro ou Vinigalicia), do sector transporte (Monbus ou Transportes Valín e Fillos), entidades financeiras (Abanca, Caixa Rural Galega), de servizos (Álvarez Real, San Xiao Export, Grupo Norbel, Aguirre XXI) e un longo etcétera que abarca múltiples sectores (Gadisa, O Progreso, Taboleiros Hispanos, Macrocopia, Begasa, Magnesitas de Rubián, AMSlab, Farmadismo, Ibersys, Mercadona, Macrocopia, San Xiao Export ou Limpezas San Froilán, entre outras).
AMSlab
Applied Mass Spectrometry Laboratory SLU (AMSlab), é unha empresa lucense líder no sector de control de calidade que proporciona aos seus clientes métodos analíticos adecuados á lexislación para liquidar as súas necesidades de control de calidade nuns prazos de execución curtos.
AMSlab, ante a crise sanitaria provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 (COVID-19), transformou a súa actividade habitual a fin de desenvolver solucións que atenúen os efectos deste virus en distintos campos, entre eles o da hixiene e desinfección, desenvolvendo un sistema para detectalo en contornas de traballo que posibilita avaliar a eficacia de protocolos de hixiene e desinfección contra a COVID-19.