Escrito o:
A CEL “profundamente preocupada” polo impacto económico e social do parón de actividade decretado
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta a "profunda preocupación" que existe entre as empresas da provincia polo parón de actividade decretado este fin de semana, que sen dúbida "compromete a viabilidade futura dun bo número de pemes e autónomos, que non poderán aguantar tantas semanas sen ingresos e atendendo como sempre ás súas obrigas".
"Non se pode avaliar detalladamente polo momento o impacto, pero prevemos que será tremendamente negativo e significará a destrución de empresas e emprego nun volume considerable"; terá un custo económico e social "incalculable", subliñan desde a organización empresarial lucense.
A CEL reitera o seu compromiso "coa seguridade e saúde da cidadanía que, como vimos insistindo, ha de ser o primeiro", pero considera que as decisións sobre novos peches deberían ser máis sopesadas. "A actividade nun bo número de empresas que hoxe ven obrigadas a pechar podería continuar de forma normalizada coas medidas preventivas adecuadas, porque non é nestas onde se están producindo os contagios, e retomar o funcionamento ordinario despois deste parón será nuns casos moi complicado e noutros poida que imposible".
Sinala tamén que se continúan "botando en falta" medidas que palíen este paro forzado, como a suspensión do pago de impostos e outras obrigacións. Se "está a pór sobre os ombreiros das empresas e autónomos toda a carga económica da crise sanitaria, e non poderán aguantar".
Salvo as dos sectores considerados esenciais, a actividade económica está parada e as empresas sen posibilidade algunha de xerar ingresos pero tendo que afrontar os seus gastos correntes. As vías de regulación de emprego establecidas e as liñas de avais non son suficientes para contrarrestar a sangría económica que esta situación está a provocar.
Medidas laborais
A CEL xa manifestaba nun comunicado o sábado o seu "sorpresa e desgusto" polas medidas complementarias en materia laboral publicadas ese día vía Real Decreto e a "desafortunada" intervención da Ministra de Traballo e Economía Social, cuestionando "a honorabilidade e boa imaxe" das empresas.
Lembraba, e destaca unha vez máis, o "crucial papel" que empresas e autónomos cumpren xerando riqueza e emprego, que son "o motor" de país e que "non é momento de polas no disparadeiro". Considera que debería realizarse "un recoñecemento público e privado, e apoio moral e lexislativo para a empresa privada e os seus traballadores, para aqueles que seguirán ao pé do canón como servizos esenciais e para os que han de quedar en casa".