Escrito o:
Valoración inicial positiva da CEL sobre as medidas económicas e sociais do Goberno
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) valora positivamente o Real Decreto-lei 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, aínda que os seus servizos de asesoramento están a realizar desde primeira hora da mañá unha análise detallada e en profundidade para coñecer con maior exactitude o seu alcance e aplicación.
De forma xeral, a CEL considera que as medidas promulgadas responden de forma positiva a algunhas das demandas trasladadas polas organizacións empresariais, como tratar de axilizar os procedementos de suspensión de emprego garantindo a protección dos traballadores e as súas prestacións e exonerando ao empresario da achega empresarial das cotas á Seguridade Social no caso de ERTEs por forza maior.
Tamén se consideran especialmente positivas as medidas encamiñadas a garantir a liquidez das empresas, avais públicos e liñas crediticias.
No entanto, entende que se trata dun paquete de medidas de urxencia inmediata que haberá de verse complementado con novas liñas de apoios para cubrir necesidades aínda non cubertas ou que vaian xurdindo, e que se decidirán conforme ao diálogo do Goberno cos axentes sociais.
Sinala neste sentido que nestes momentos aquelas empresas que non poidan expor un ERTE por fóra maior, pero teñan comprometida e mermada a súa actividade pola situación, deberán expor procesos de suspensión de emprego por causas económicas sen que polo momento poidan acollerse á suspensión das cotizacións á Seguridade Social, co evidente prexuízo que isto pode causar a un bo número de negocios.
Por outra banda, e respecto dos autónomos, as medidas habilitadas cobren algunhas das demandas, pero queda aínda unha ampla casuística que implicará desproteccións. Neste sentido, a CEL considera necesaria a suspensión da cotización dos autónomos e doutras obrigacións de pago ás Administracións (taxas e impostos de enerxía, entre outras). Cre que neste caso poden ter un papel decisivo a Xunta de Galicia e as Administracións Locais lanzando paquetes de medidas que cubran estas cuestións.
Neste sentido tamén, a CEL valora positivamente o anuncio do Concello de Lugo de axudas específicas, que espera láncense orientadas a cubrir algunhas desas carencias detectadas nas propostas estatais, en especial para sectores sen restrición de actividade.
Por outra banda, a CEL espera que se terminen habilitando medidas en relación ao aluguer (polo momento non se regularon por considerarse de ámbito privado). Considera que ou ben debería pensarse en subvencións a fondo perdido para os arrendatarios ou en exoneración fiscal para os arrendadores no caso de que cheguen a un acordo, facilitando deste xeito a consecución de pactos entre arrendadores e arrendatarios.
Entidades bancarias
Noutra orde de cousas, a CEL sinala que xa está a traballar man a man a nivel local coas entidades bancarias integradas no seu Consello Asesor, Abanca e Caixa Rural Galega, de face a facilitar as condicións dos préstamos ICO e todas as liñas que vaian xerar liquidez mediante de avais de goberno, para facilitar a máxima axilidade no acceso ás mesmas das empresas de Lugo.
Xa está dispoñible para descarga a primeira Guía Práctica, sobre os ERTES de suspensión por forza maior. Iranse incorporando novas guías a medida que os servizos xurídicos vaian analizando ao detalle as normas publicadas.