Voltar atrás

Escrito o:

A CEL, satisfeita polo apoio unánime das forzas políticas de Lugo á Autoridade Portuaria na provincia

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta a súa satisfacción polo apoio unánime do pleno da Deputación Provincial de Lugo, ao que asistiu o conselleiro delegado da entidade, Eduardo Valín, á moción para solicitar ao Goberno central a creación en San Cibrao dunha Autoridade Portuaria de Lugo.

A CEL móstrase confiada en conseguir por fin para Lugo esta demanda histórica, tras esta nova mostra de unanimidade e clamor social en Lugo para contar dunha vez por todas dun organismo de xestión propio para os recursos xerados polos portos de interese xeral na provincia. Na mesma liña maniféstase a Federación Provincial de Veciños, cuxo presidente, Jesús Vázquez, tamén estivo presente no pleno celebrado hoxe.

Plataforma Atlántico Noroeste

Mentres tanto e pola súa banda, o secretario da CEL, Jaime López, asistía en León a unha nova reunión da Plataforma Atlántico Noroeste (PAN), na que se aprobou un novo documento consensuado coas necesidades de cada un dos territorios sobre as infraestruturas a incorporarse na extensión ao Noroeste do Corredor Atlántico.

No marco desta reunión o secretario da CEL defendeu unha vez máis a importancia de Monforte como nodo loxístico para a entrada e saída de mercadorías, non só pola súa situación estratéxica e por formar parte da rede básica e por tanto susceptible de recibir fondos europeos "Conecta Europa", senón tamén por resultar esencial para asegurar a competitividade dos portos do Norte, vertebrar o territorio e loitar contra o despoboamento do interior de Galicia.

A reunión de hoxe do PAN, de carácter técnico, tivo lugar nas oficinas da Federación Leonesa de Empresarios (Fele) co obxectivo de definir a proposta da Plataforma sobre as infraestruturas que deben incorporarse na extensión ao Noroeste do Corredor Atlántico. Á reunión asistiron representantes das organizacións empresariais e as Cámaras de Comercio de Galicia e Asturias, e das provincias de León, Lugo, Zamora e Salamanca, liderados polo presidente da Plataforma, Javier Cepedano. Así mesmo, a reunión contou coa presenza do conselleiro de Fomento e Medio Ambiente da Xunta de Castela e León, Juan Carlos Suárez Quiñones.

Cabe destacar que un dos obxectivos cos que se constituíu esta Plataforma foi conseguir esa extensión do Corredor ferroviario Atlántico e que finalmente foi aprobada pola Comisión Europea. A partir dese momento, o traballo da plataforma centrouse, precisamente, en deseñar e reivindicar proxectos concretos que entren dentro do financiamento do programa Conectar Europa. Ese foi unha das liñas de traballo da reunión celebrada esta mañá: comezar a traballar na definición dun mapa de infraestruturas prioritarias que opten a ese financiamento. Proxectos nos que se dea prioridade a redes de mobilidade intelixente, segura e sustentable, como destacou Vicente Luque, asesor técnico da plataforma. Así, a Plataforma desenvolverá unha proposta de rede ferroviaria de alta velocidade no noroeste de España; rede ferroviaria convencional para transporte competitivo de mercadorías, así como de redes de estradas, de portos e de terminais ferrocarril/estrada (TFC). 

O resultado foi a aprobación dun documento consensuado por todos os membros no que se inclúen as prioridades de cada un dos territorios e que se defenderá ante o Goberno central e os Gobernos autonómicos implicados. Un documento flexible que estará finalizado no prazo dun mes.

Para a Plataforma, a definición detallada do Corredor Atlántico estendido ao Noroeste é "importante e urxente" dado que ditas propostas hanse de incluír nos Plans de Traballo Multianuales para 2021-2023, que serán aprobados pola Comisión Europea proximamente. Por iso, solicita ás administracións colaboración no establecemento das prioridades.