Voltar atrás

Escrito o:

A CEL pide “sentido común” na defensa das infraestruturas de Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) manifesta a súa profunda preocupación polo novo desencontro entre a Xunta, o Concello de Lugo e o Ministerio de Fomento en relación á estación intermodal de Lugo.

A organización empresarial lucense sinala que "a cidade leva xa demasiados anos esperando por unha estación acorde ás necesidades dunha urbe do S.XXI, e que é necesario un compromiso político claro por parte de todos para que non volva quedar sen unha infraestrutura como esta".

A entidade apela ao "sentido común", ao diálogo e ao entendemento entre as distintas partes, porque ao final "se gaña a cidade, gañamos todos, e a intermodal é unha infraestrutura xa non necesaria, senón básica e imprescindible nos tempos que corren". Por iso, pide á Xunta que non descarte a firma "canto antes" dun acordo de colaboración, que pode "ampliarse ou mellorarse logo con todos os anexos que sexan necesarios", pero que "o importante agora é non perder máis tempo".

"Lugo baixo ningún concepto pode ser a única capital de Galicia sen estación intermodal, máis aínda cando debería buscarse por todas as vías reverter o despoboamento da provincia e estase apostando por potenciar o Camiño Primitivo, entre outros atractivos turísticos e empresariais?, insiste a CEL.

Mercadorías Monforte

Noutra orde de cousas, a Confederación de Empresarios de Lugo reitera unha vez máis, do mesmo xeito que o Eixo Atlántico e tras a publicación esta semana do informe "Galicia na rede básica transeuropea do transporte de mercadorías" do CES Galicia, que Monforte "é a entrada natural, máis rápida e lóxica a Galicia para calquera tipo de transporte" e que, ademais, xa este núcleo conta "coas infraestruturas necesarias, concretamente a plataforma loxística do porto seco, para ser o nó entrada e saída de mercadorías á comunidade".   

Neste sentido, a CEL lembra de novo que os antigos eixos ferroviarios Palencia - Monforte - A Coruña e Palencia - Monforte - Vigo forman parte da denominada rede básica, para a que se conseguiu que poida optar aos fondos europeos "Conecta Europa" para a súa rehabilitación e conexión co Corredor Atlántico, adaptándoas ao ancho europeo e a electrificación a 25 KV para empezar a soportar tráfico de forma inmediata.

A CEL destaca tamén, como en anteriores ocasións, a incompatibilidade das vías da AVE e do tráfico de mercadorías ou o peso de portos por tráfico de toneladas é o do norte da comunidade, A Coruña e Ferrol, aos que non se podería acceder con rapidez se non é polo nó de Monforte.

Por todo iso, manifesta tamén que "agora é o momento de centrar os nosos esforzos no que realmente é posible, partindo do que xa se desenvolveu e aproveitando os investimentos xa realizados" e que "calquera iniciativa adicional que veña no futuro será benvida, pero hoxe non podemos refugar un investimento xa realizado e unha competitividade clara para a chegada de mercadorías a Galicia como a que xa ofrece Monforte"·

Fomento

Finalmente e por outra banda, o secretario xeral da CEL, Jaime López, participou hoxe en Madrid no acto de presentación do Corredor Atlántico do Ministerio de Fomento, tras o cal se mostra "esperanzado e optimista porque hai unha aposta clara pola súa total equiparación en importancia ao do Mediterráneo e, por tanto, por dar os pasos necesarios para investir nel e lograr os fondos europeos necesarios para facelo realidade no menor prazo posible".

O secretario da CEL móstrase satisfeito por chegar a este punto "tras o esforzo das organizacións empresariais do noroeste, que levamos traballando xa nisto anos e unímonos nunha fronte común para que o Corredor Atlántico materializásese".