Voltar atrás

Escrito o:

O programa integrado de emprego Lánzate E-Emprega Lugo emprende a súa recta final con formación adicional en informática

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) ven de iniciar esta semana un novo curso formativo, de iniciación á informática neste caso, no marco do programa integrado de emprego Lánzate E-Emprega Lugo, unha iniciativa que esta entidade puxo en marcha con subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria e do que se benefician un total de 85 persoas en situación de desemprego, procedentes da zona centro (Lugo) e norte (Viveiro) da provincia, ás que se buscaba orientar e capacitar para a mellora das súas posibilidades de inserción laboral.

O curso iniciado esta semana, que está a ter lugar na Escola de Empresarios e Centro de Formación da CEL en Lugo na modalidade presencial, programouse de forma adicional ao plan de formación inicialmente previsto no marco desta iniciativa, e por demanda expresa dos participantes do plan. 

En total, sumáronse a este curso 25 alumnos dos 85 beneficiarios do programa integrado de emprego Lánzate E-Emprega. A súa impartición prolongarase até o próximo día 16 de outubro; busca capacitar ós seus alumnos en cuestións básicas no uso de computadores persoais como contorna Windows, procesadores de textos, ferramentas de cálculo e impresión ou organización da información, entre outras. 

O programa

O programa Lánzate E-Emprega vén desenvolvéndose na CEL dende decembro de 2017. Subdivídese en diferentes fases, dende o estudo do mercado laboral provincial inicial á propia selección dos participantes, que viñan de colectivos con especiais dificultades de inserción laboral (por idade, baixa cualificación, procedencia social -inmigrantes e outros colectivos en riscos de exclusión-, con discapacidade, etc.), até a orientación, formación e inserción efectiva vía prácticas e contacto con empresas para a súa contratación.

Asemade, a formación subdividíase en transversal e específica, e podía recibirse vía teleformación ou presencial, dependendo das circunstancias dos participantes. A transversal, que no caso da presencial tivo lugar nas instalacións do Centro de Formación da organización empresarial en Lugo e nos locais do Conservatorio do Concello de Viveiro, buscaba capacitar aos participantes en habilidades e técnicas de procura de emprego, informática e internet, procedementos telemáticos, inglés básico, técnicas de motivación persoal, emprendimiento, xénero e igualdade de oportunidades.

A específica foi deseñada pola CEL tendo en conta as necesidades das empresas da provincia en materia de contratación. Concretamente, dividiuse aos participantes do plan segundo a súa formación e intereses para capacitalos nas seguintes especialidades: Operario de Servizos Múltiples (que inclúe a formación do carné de carretillero, uso de plataformas elevadoras, loxística de almacén ou prevención de riscos laborais); Operacións Básicas de Restaurante e Bar (que inclúe formación do carné de manipulador de alimentos, servizos básicos para atención en restaurantes e bares e recepción e servizos de catering); Silvicultura e Mantemento de Zonas Verdes (no que se facilita formación do carné de aplicador-manipulador de produtos fitosanitarios ou preparación e mantemento de xardíns e zonas verdes, entre outras cuestións) e, finalmente, Condutor de Mercadorías - Repartidor (que habilita aos alumnos no certificado de aptitude profesional do transporte, o manexo seguro de carretillas elevadoras e estiba e desestiba con condicións de ÚNEA de cargas). 

Todos estos cursos específicos, de 240 horas de duración cada un, incluíron, ademáis, un período do de prácticas non laborais en empresas relacionadas coas materias de referencia de cada acción. Impartíronse tres especialidades en Lugo (todas menos restauración) e, en Viveiro, a de restauración.

Este programa integrado de emprego tamén incluía un proceso de asesoramento personalizado vía entrevistas individualizadas e sesións colectivas de orientación laboral, así como unha parte final, na que se atopa agora, de tutelaxe e acompañamento personalizado e individualizado a cada un dos participantes do plan no proceso de procura de emprego, co obxectivo de lograr a súa efectiva inserción laboral. Engadiuse ademais nesta fase final o curso específico e práctico de informática básica pola propia petición dos usuarios.