Escrito o:
Alufonca, molesta polos retrasos de Gas Galicia na prestación de servizos esenciais
A Asociación Empresarial Lucense de Fontanaría, Calefacción e Afíns (Alufonca), que preside Daniel Rois Trastoy, manifesta a través do presente comunicado o seu profundo malestar co servizo que Gas Natural Galicia S.D.X. ofrece na provincia de Lugo, que implica atrasos de ata dez días para a subministración de gas, do que dependen servizos tan esenciais para unha vivenda como a auga quente sanitara.
O colectivo empresarial de instaladores de fontanaría e calefacción indica que os seus profesionais senten totalmente impotentes e prexudicados pola forma de traballar desta empresa subministradora, pois a súa desatención e falta de cumprimento de prazos déixalles indefensos ante os seus clientes, que ven privados dun servizo básico, co lóxico descontento e enfado que estas situacións implican.
Alufonca sinala que Gas Natural Galicia ten unha clara posición de dominio no mercado provincial do gas, posto que, ademais de Lugo, conta cunha serie de importantes núcleos de poboación dos que é empresa subministradora (Villalba, Ribadeo, Foz, Burela ou Viveiro, ademais da próxima incorporación de Sarria e a zona Sur e doutros municipios antes de Repsol como Monofrte, Chantada, Monterroso ou Becerreá).
Esta posición implica que os instaladores de Alufonca teñen que axustarse sen defensa ás condicións que impón a subministradora, que pasan polo cumprimento dunha serie de protocolos e trámites burocráticos que atrasan a posta en servizo de caldeira dun mínimo de catro días, nos casos máis optimistas, e de ata dez nalgúns outros.
Alufonca subliña, ademais, que a pesar deste tipo de problemáticas, Gas Natural Galicia non conta na súa delegación de Lugo cunha persoa responsable e con capacidade resolutiva que de forma permanente atenda posibles incidencias. Indican que ante calquera problema teñen que porse en contacto vía correo electrónico ou teléfono, o que supón novos atrasos e problemas á hora de fornecer gas a unha vivenda.
Estas situacións agrávanse cando, por motivos internos e descoñecidos, Gas Natural Galicia cambia tamén constantemente aos xestores responsables das distintas áreas de actuación, o que supón un caos continuo para as empresas instaladoras, xa que en ningún momento saben a quen deben dirixirse.
O colectivo de fontanaría destaca que estas situacións se repiten de forma cada vez máis habitual. Considera que as prácticas de Gas Natural Galicia responden á forma de traballar dunha empresa que adquiriu un excesivo tamaño e que, no seu crecemento, afastouse das necesidades máis urxentes dos seus usuarios.
Dende Alufonca cren que Gas Natural Galicia, segura na súa posición de dominio, descoida aspectos tan básicos como a imprescindible rapidez á hora de prestar un servizo esencial como a subministración de gas, co consecuente prexuízo que iso supón para os usuarios e tamén para os instaladores, que son ao final os que están en contacto directo cos seus clientes.