Escrito o:
Premio Aresa 2016, un galardón a iniciativas que melloren a economía rural
O día 28 de outubro péchase o proceso de inscrición na edición de 2016 do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, posto en marcha polo Grupo Aresa e a USC e que este ano alcanza xa o seu décimo sétima edición. As bases poden consultarse na páxina web www.premioaresa.com.
O galardón, dotado con 10.000 euros, está dirixido a entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas cuxas iniciativas contribúan á mellora da economía rural galega. Estas poden ser de tres tipos: proxectos de actividade empresarial, actividades empresariais innovadoras e traballos de I+D+i.
Os aspirantes deberán entregar as súas propostas, xunto coa documentación pertinente, nos rexistros dos campus universitarios de Lugo (no edificio da Biblioteca Intercentros) ou de Santiago de Compostela (no Colexio de San Gerónimo) antes das 14.00 h do día 28 deste mes.
Un xurado profesional analizará todas as candidaturas e dará a coñecer publicamente o nome da gañadora en decembro.
Até a convocatoria actual foron merecedores desta distinción Novafrigsa, o catedrático Javier Guitián, a aula de Produtos Lácteos, o ex-director xeral de Agricultura da Comisión Europea Xosé Manuel Silva Rodríguez, a IXP Tenreira Galega, os programas de televisión "O Agro" e "Labranza", a DO Ribeira Sacra, a quesería Casa Macán, a Facultade de Veterinaria de Lugo, o grupo Ingapan, Acruga, a SAT Monte de Trabada, Champivil, Alibós Galicia, a DO San Simón da Costa e Agroamb.