Voltar atrás

Escrito o:

A CEL opina que o Hotel Pazo de Laia dinamizará o sector turístico da provincia

O secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Jaime López, mantivo esta semana un encontro con Pablo Taboada, alcalde de Palas de Rei, e Gustavo Enrique Castelán, empresario promotor do novo establecemento hostaleiro no municipio, o Hotel Pazo de Laia, para coñecer de primeira man esta nova iniciativa empresarial e pór a disposición do investidor os servizos de asesoramento a emprendedores e empresas de Lugo dos que dispón a entidade.

Jaime López sinalou que este tipo de "iniciativas diferenciadoras que xorden cun plus de calidade e unha oferta especializada nun sector en claro auxe como é o turístico en Galicia son unha noticia excelente para a provincia". Destacou, neste senso, que o apostar por un turismo de calidade, por prestar servizos a un turista de maior poder adquisitivo ou o aspirar a ser un restaurante con estrela Michelin (cando aínda non existe ningún na provincia), "confiren a esta aposta empresarial un valor engadido que redundará non só en beneficio e no éxito da propia iniciativa senón tamén no conxunto do sector turístico e económico provincial".

Na mesma liña, o secretario da CEL destacou a capacidade xeradora de emprego do establecemento, "pois suporá a creación inicial de ao redor de medio centenar de postos de traballo, sen esquecer que a implantación dun hotel destas características inflúe nos negocios locais e xera á súa vez un volume considerable de actividade e o nacemento de novos empregos". Subliña, neste sentido, como un acerto que a administración local facilite a súa implantación ao declarar o proxecto como de interese municipal.

Jaime López indicou tamén que "os servizos técnicos de asesoramento da Confederación apoiarán igualmente ao novo empresario nesta aventura empresarial".

A CEL anima aos emprendedores "a emprender e a apostar pola provincia" e a buscar apoio "en entidades como a Confederación e a súa Fundación CEL, que tutelan e prestan apoio aos empresarios desde o momento en que xorde unha idea e que contan co saber facer que confiren os anos de experiencia na atención a empresas".