Voltar atrás

Escrito o:

CEL e ABANCA premian a Miramar Cruises pola súa traxectoria emprendedora

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a entidade ABANCA entregaron hoxe o I Premio CEL - ABANCA ao Emprendimiento na Provincia de Lugo, outorgado a Miramar Cruises S.L. "pola súa traxectoria emprendedora, carácter innovador, xeración de emprego e riqueza, vocación de internacionalización e proxección de futuro".

Este I Premio CEL - ABANCA habilitouse en virtude dun acordo máis amplo subscrito entre ambas as entidades en 2015 e orientado a estreitar a colaboración en actividades que redunden no progreso económico e a mellora social da provincia de Lugo. Entre estas actividades estableceuse este galardón, dotado con 1.500 euros e que ten por obxectivo "impulsar e dinamizar a cultura emprendedora e o tecido empresarial na provincia de Lugo".

O acto de entrega do cheque coa dotación do premio e diploma acreditativo tivo lugar esta mañá na sede de Afundación, coa presenza de Walter Álvarez, director territorial de ABANCA, José Manuel Mourelo, xerente de RSC de ABANCA, Jesús Quintá, conselleiro delegado da CEL, e Hugo Igrexas, CEO e fundador de Miramar Cruises.

Miramar Cruises

O consello de administración da CEL e representantes de ABANCA elixiron a Miramar Cruises S.L. a proposta da Fundación CEL, o "brazo da Confederación dedicado a emprendedores e novos empresarios", que fundamentou esta candidatura nos múltiples méritos desta nova empresa lucense: "constante crecemento nos últimos anos en termos de facturación e xeración de emprego, carácter innovador, aposta por novas tecnoloxías aplicadas ao turismo, recoñecementos outorgados por outras entidades, e xeración de riqueza para Galicia en xeral e Lugo en particular, dentro do sector turismo".

Miramar Cruises é unha axencia online especializada na comercialización de cruceiros, conformada por un equipo de 15 persoas, multidisciplinar e con ampla experiencia no sector turístico, en xeral, e no segmento crucerista, en particular. Trátase dunha das startup de viaxe españolas con maior proxección, que tras iniciar actividade a mediados de 2012 na Fundación CEL, conta a día de hoxe xa con sedes tamén en Barcelona e Marsella e facturou case catro millóns de euros en 2015 (dobrando o facturado en 2014, e cinco veces máis do facturado no seu primeiro ano completo de actividade, 2013). Dispón de máis de 2.700 opcións de cruceiros, acordos con máis de 30 compañías navieras cunha dilatada e magnífica relación coas mesmas e xa embarcou a máis de 15.000 pasaxeiros desde o inicio da súa actividade, ademais de promover a creación de Nudoss.com, primeira rede social de cruceiros de Europa.

Miramar Cruises finaliza xa en breve o seu período no viveiro da Fundación CEL e incorporarase como membro da entidade "para apoiar a outros emprendedores igual que fixeron con eles?, en palabras de Hugo Iglesias", CEO da empresa e un dos socios fundadores xunto con Diego Leira.

A entrega deste I Premio CEL - ABANCA tivo lugar tras a celebración da xunta da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo, na que se procedeu á renovación do órgano de goberno da entidade, o padroado.