Escrito o:
Os directores do Igape e XesGalicia explican na CEL as liñas de apoio financeiro a empresas 2016
A sede central da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe un almorzo de traballo no que os directores de Igape, Javier Aguilera, e XesGalicia, Juan Cividanes, explicaron aos empresarios e emprendedores de Lugo as liñas de apoio financeiro que a Consellería de Economía, Emprego e Industria habilita para as empresas en 2016 a través destes organismos.
Unha vintena de empresarios déronse cita a este encontro empresarial, no que tamén estiveron presentes o secretario da CEL, Jaime López, e o presidente da Cámra de Comercio de Lugo, Xabier Díaz Díaz.
Javier Aguilera destacou na súa intervención que o Igape ofrece préstamos directos ou bonificados, así como liñas de axuda para cubrir até o 35% de investimentos, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de postos de traballo. O director de XesGalicia, pola súa banda, destacou que os fondos de capital risco e préstamos participativos de Xesgalicia poden atender demandas de financiamento tanto para fases de nacemento como de desenvolvemento das empresas. Falaron neste sentido dos Programas Galicia 1000 e Galicia Invirte.
Discriminación positiva
Pola súa banda, os empresarios lucenses demandaron unha "discriminación positiva e evidente" cara ás provincias de Lugo e Ourense, destacando a existencia "de dous Galicias diferentes, a do Eixo Atlántico e a do Cantábrico-Interior" que precisan de solucións diferentes para estimular o seu desenvolvemento. Tamén se lembrou que "se Galicia segue percibindo Fondos Europeos como os do Horizon2020 é precisamente polo déficit de desenvolvemento de Lugo e Ourense", polo que "son necesarias estratexias para compensar este desequilibrio, cun apoio claro e decidido para que estas dúas provincias non continúen na senda do decrecimiento e o despoboamento".
Tamén se expuxo a necesidade "de redución de cargas burocráticas, especialmente a pemes e micropymes, que son as que máis abundan na provincia e as que non contan con estruturas que permitan soportar estas cargas".
Por outra banda, os empresarios felicitaron a Igape e XesGalicia por habilitar ferramentas de financiamento para o estímulo da actividade empresarial.