Escrito o:
A CEL prepara a asistencia de empresas lucenses á feria Savbor de Miami
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) está a preparar a asistencia dunha delegación de empresas lucenses á Feira "Savbor Food & Wine Exhibition", unha mostra de carácter anual de referencia en Florida para a exposición de produtos de alimentación e bebidas de calidade de orixe española, que alcanza en 2016 a súa terceira edición e que terá lugar os días 22 e 23 de xuño próximos.
Con esta finalidade, a entidade tramitou solicitude de axuda do Igape para este tipo de visitas empresariais e o secretario xeral da CEL, Jaime López, xunto co vicepresidente da Cámara de Comercio de Lugo, Modesto Teijeiro, desprazáronse recentemente a Miami, onde mantiveron reunións preparatorias desta viaxe con representantes de diferentes institucións na cidade.
Concretamente, mantiveron encontros con Inmaculada Guitiérrez, agregada comercial da Embaixada de España en Miami; Javier Perez - Palencia, director executivo da Cámara de Comercio de Miami, e con directivos de Banesco-Abanca en USA, José Ramón Purroy, Dionisio Fernández-Nespral e Margarita Sánchez.
Interese
A través destes encontros, CEL e Cámara de Lugo puideron confirmar o interese que existe polos produtos de alimentación e bebidas de orixe galega en Florida, un estado de alto poder adquisitivo no que as delicatessen teñen unha alta probabilidade de entrada e consolidación de vendas.
A Feira Savbor, precisamente orientada a empresas españolas fabricantes de produtos de calidade e delicatessen que desexen exportar os seus produtos non só a Estados Unidos, senón tamén a América do Sur e Caribe, aproveitando a estratéxica localización de Miami, constitúe unha excelente plataforma para lograr este obxectivo comercial.
O perfil de visitante principal a Savbor é o de profesionais da industria alimentaria e enológica especializados en produtos de gran calidade: importadores, distribuidores, almacenistas, minoritas, retailers, brokers, sommelliers, chefs, HORECA, entre outros.
Colaboración
CEL e Cámara de Lugo subscribirán acordos de colaboración coa Cámara de Comercio de Miami coa mirada posta, primeiro, na visita á Feira Sabvor pero, sobre todo, para facilitar a exportación efectiva, por exemplo, mediante a consecución dos certificados que esixe a FDA (Food & Drug Administration) de USA.