Escrito o:
Lugo Fala xa está distribuíndo pictogramas impresos entre os negocios lucenses
"LUGO FALA" é unha iniciativa que xorde desde a Asociación Raiolas Autismo-Lugo, pensada para facilitar a comunicación en Lugo das persoas que sofren un Trastorno do Espectro Autista (TEA).
Trátase dun proxecto a través do que se sinalizan mediante pictogramas (representacións gráficas sinxelas) os lugares e negocios máis frecuentados dunha cidade, coa finalidade de que esta se converta nunha contorna máis accesible para as persoas cun Trastorno do Espectro Autista (TEA), contribuíndo así a mellorar a súa calidade de vida.
Tras difundir a iniciativa, a Asociación Raiolas Autismo - Lugo encargouse, coa colaboración da Deputación de Lugo e do Portal Aragonés de Comunicación Aumentativa (ARASAAC) da impresión de diferentes pictogramas, que os negocios de Lugo poden solicitar e expor de forma totalmente gratuíta.
Desde Raiolas destácase que para o éxito desta iniciativa, é imprescindible a colaboración das empresas con establecementos abertos ao público: as interesadas en adherirse unicamente terán que solicitar a súa pictograma a través do formulario descargable ao final desta entrada e envialo á dirección de e-mail raiolaslugo2@gmail.com. Recibirán o pictograma de forma totalmente gratuíta e terán que colocalo de forma visible na porta dos seus establecementos a unha altura de 1,20 metros (desde Raiolas resolverán calquera dúbida sobre a súa colocación e significado no teléfono 608894478).
Aínda que inicialmente esta iniciativa está pensada para a cidade de Lugo, poden participar empresas de calquera municipio da provincia se así o solicitan.
Raiolas conta para a elaboración e distribución dos pictogramas coa colaboración da Deputación Provincial de Lugo e do Portal Aragonés da Comunicación Aumentativa e Alternativa (ARASAAC).
Sobre o TEA e os pictogramas
As persoas con TEA precisan dos apoios visuais para entender o mundo que lles rodea e desenvolverse na súa vida cotiá. A súa contorna adoita presentar demasiados estímulos sensoriais e un uso predominante da palabra sobre a imaxe, o que dificulta que entendan, gozar e sexan máis autónomos no seu día a día.
Os pictogramas facilitan ás persoas con TEA a comprensión en xeral do mundo que lles rodea e en particular da súa propia cidade, o que facilita que se relacionen cunha maior autonomía.
Imaxe: pictogramas impresos por Raiolas para a súa distribución entre os establecementos interesados.