Voltar atrás

Escrito o:

Empresarios, comerciantes e hostaleiros de Lugo manifestan o seu apoio ao sector lácteo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), a Federación de Comercio de Lugo (FCL) e a Asociación Provincial de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL) manifestan a través deste comunicado o seu apoio ao sector lácteo lucense, "un dos máis importantes da provincia tanto por volume de emprego como de riqueza económica xerada".

Neste sentido, ante a tractorada prevista para este xoves en Lugo, desde estas organizacións empresariais manifestan a súa comprensión ante as mobilizacións promovidas polos gandeiros e comparten a súa preocupación pola problemática que viven.

Destacan que o sector agroalimentario en xeral é clave para Lugo: o desenvolvemento que está a experimentar nos últimos anos, coa aposta por peche de ciclos produtivos e a creación e crecemento de empresas pequenas pero punteiras que dan valor ás materias primas de calidade que temos, resulta sen dúbida fundamental para un territorio no que aínda falta moito por percorrer precisamente nese camiño cara a unha industrialización do século XXI.

Mediación

CEL, FCL e hostaleiros entenden que as Administracións Públicas responsables nesta materia han de exercer nestes momentos o necesario papel de mediador e habilitar medidas que acheguen solucións duradeiras para o sector, que garantan a viabilidade das explotacións sen menoscabo do necesario desenvolvemento das empresas lácteas.

Cren que o consenso é posible e que sen dúbida produtores, industrias e distribuidores poden de forma conxunta, co apoio das Administracións competentes, establecer as bases para que o conxunto das partes implicadas atopen vías de futuro para consolidar o sector.