Escrito o:
Os empresarios de Estrada de Santiago renovan directiva
A Asociación de Empresarios Estrada de Santiago vén de renovar a súa xunta directiva. En reunión celebrada este martes, proclamouse por unanimidade a única candidatura presentada, que preside de novo Gerardo Lozano Méndez, de Mármoles Méndez. Acompáñanlle Modesto García (Desguaces Modesto) na vicepresidencia, José Luís Rodríguez (Miguel Agrícola) como tesoureiro e Enrique Otero (Agris) e Mario Carballo (Madeiras Besteiro) como vogais.
O colectivo renova así a súa directiva incorporando novos integrantes, nun momento crucial para o colectivo, pois por fin estase materializando a tan ansiada Autovía Lugo - Santiago (A - 54). En relación a esta, advirten que se "manteñen atentos" á situación das obras, con especial atención "á ligazón co polígono".
Desde a Asociación lémbrase que o polígono da Estrada de Santiago "é a segunda zona industrial en importancia da cidade e unha das maiores da provincia", e destaca que nestes momentos asíntanse alí máis de 50 empresas, "algunhas das de maior tamaño e importancia a nivel provincia", que "ofrecen na actualidade ao redor de 3.000 postos de traballo directos e uns 2.000 indirectos".
Nesta liña, sinalan que dado o movemento que a diario se produce na zona "é prioritario garantir accesos adecuados, que permitan entradas e saídas con rapidez e axilidade" e ofrezan un servizo adaptado ás necesidades das empresas alí asentadas.
Lembran que xa no seu día sinalaron que esta zona estaba "en condicións de converterse, polas súas características e localización, no eixo do entrada Sur da cidade", posto que conta cunha "situación privilexiada para as comunicacións e saídas a Ourense, Santiago, Pontevedra e Portugal, zonas económicas de importancia primordial para as relacións comerciais e industriais da cidade". Teñen a esperanza de que a materialización da ligazón coa A-54 "dote por fin á zona das infraestruturas necesarias para regular o tráfico comercial e humano dunha forma efectiva".