Voltar atrás

Escrito o:

CEL e Sogama firman un novo acordo en materia de formación ambiental

A sede central da CEL acolleu hoxe a renovación do acordo de colaboración que a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), empresa pública dependente da Xunta de Galicia para a xestión e tratamento dos residuos urbanos producidos na nosa comunidade, e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) xa subscribiron o pasado ano para o desenvolvemento de actividades formativas vinculadas en materia de medio ambiente e desenvolvemento sustentable.

Javier Domínguez Lino, presidente de Sogama, e Jaime López Vázquez, secretario xeral da CEL, rubricaron esta mañá o novo convenio, a través do cal Sogama seguirá prestando apoio aos labores de formación ambiental promovidas pola CEL, e que, en todo caso, dirixiranse de forma prioritaria a traballadores, empresarios, autónomos e emprendedores, así como a desempregados.

O programa formativo vincularase, por tanto, ao desenvolvemento sustentable, aproveitando as posibilidades que ofrece para a creación de postos de traballo e a mellora da xestión empresarial, priorizando, ademais,  cuestións de interese tales como a innovación, a investigación, o intercambio de coñecementos e experiencias, así como o emprendimiento.

Tendo en conta a base do tecido produtivo da provincia de Lugo, que se atopa ligado a sectores tales como o agrario, o pesqueiro, o lácteo ou o forestal, a formación en materia ambiental cobra aquí todo o seu sentido, configurándose como un nicho de negocio e emprego fundamental.

Valoración positiva

Con este acordo dáse continuidade ao formalizado entre as partes o pasado ano, e que se saldou cunha valoración moi positiva dada a alta calidade e interese das xornadas formativas coas que se nutriu. celebráronse en Lugo varias xornadas que tiñan como nexo común o medio ambiente. Concretamente, en base ao primeiro acordo subscrito organizáronse xornadas sobre xestión dos residuos empresariais en Galicia, sobre posibilidades do ecodiseño para o aforro nas compañías, ou agricultura ecolóxica, con gran proxección na nosa comunidade.

En próximas datas darase a coñecer a nova programación formativa.