Voltar atrás

Escrito o:

Os autónomos societarios teñen dereito a denominada tarifa plana

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de dar a razón aos servizos xurídicos da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) ao considerar que os "autónomos societarios" teñen dereito a que se lles apliquen as reducións e bonificacións establecidas para a creación de emprego e o emprendimiento (a coñecida como "tarifa plana"), nunha das primeiras sentenzas que se dita sobre esta materia.

Concretamente, o TSJ-Galicia estima, mediante Sentenza 327/2015, de 21 de maio, o recurso contencioso - administrativo interposto polos servizos xurídicos da CEL, con condena en costas para a Administración, en defensa dos socios traballadores dunha empresa lucense de recente creación, fronte á resolución administrativa ditada pola Administración da Seguridade Social rexeitando a aplicación aos mesmos das reducións e bonificacións aplicables a traballadores por conta propia de menores de 30 anos, establecidas no artigo 1 da Lei 11/2013, de 26 de xullo, de medidas de apoio ao emprendedor e de estímulo do crecemento e da creación de emprego.

Entende o Tribunal, dacordo co defendido pola CEL e a diferenza da interpretación sostida pola Administración da Seguridade Social, que a norma "non exclúe de ningún xeito aos comunmente denominados autónomos societarios" entendendo que a aplicación aos mesmos das referidas reducións e bonificacións debe ser respectada pola Administración actuante ao ser esa "a interpretación da norma que segundo o sentido propio das súas palabras e en relación co contexto, atende ao seu espírito e finalidade - obxectivo de reducir o desemprego xuvenil a través do autoemprego e o emprendimiento explicitado na Exposición de Motivos".

Desde a CEL destácase que, aínda que a Lei 11/2013 en ningún momento e de modo algún exclúe aos comunmente denominados autónomos societarios das bonificacións establecidas, na práctica desde a Administración da Seguridade Social estábaselles denegando por sistema o acceso, cando precisamente esta norma foi aprobada coa finalidade de potenciar a creación de empresas e o autoemprego.

Xa no pasado mes de abril o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia estimou recurso contencioso-administrativo interposto igualmente polos servizos xurídicos da Confederación de Empresarios de Lugo nun suposto similar, aínda que naquel momento o Tribunal non entrou no fondo do asunto ao incorrer a Administración na tramitación do expediente en defectos invalidantes da Resolución ditada.

Emprendedores maiores de 30

A CEL entende que o criterio interpretativo desta sentenza é aplicable ás reducións establecidas para os traballadores por conta propia maiores de 30 anos nos artigos 29 e 30 da Lei 14/2013 de 27 de setembro, de apoio aos emprendedores e a súa internacionalización.