Voltar atrás

Escrito o:

A Fundación CEL, entre os mellores viveiros de España según Funcas

O Centro de Iniciativas Empresariais da Fundación CEL - Iniciativas por Lugo sitúase entre os mellores viveiros de España, segundo un estudo que vén de lanzar a Fundación de Caixas de Aforro (FUNCAS), liderado por Francisco Blanco, profesor titular da Universidade Rey Juan Carlos de Madrid, que localizou no país un total de 353 viveiros dos que analizou desde instalacións a servizos concretos de asesoramento, formación, apoios na tramitación de axudas; programas de difusión do espírito de empresa; tarifas; networking, entre outros.

Segundo Funcas, o viveiro de empresas da Fundación CEL sitúase en decimotercer lugar no ranking xeral elaborado para España, efectuado segundo os criterios mencionados que valoraban especialmente o abanico adicional de servizos ofertados por cada centro, máis aló de pór a disposición do emprendedor o acceso a unha localización física do seu negocio. En Galicia, a Fundación CEL ocupa o segundo lugar neste ranking, só por detrás do CIE A Granxa de Porriño, viveiro da Zona Franca de Vigo.

Rankings específicos

Atendendo a criterios concretos de valoración, Funcas realiza ademais no seu estudo -o primeiro que analiza de forma extensa e pormenorizada os viveiros de empresa en España-, rankings adicionais segundo criterios de valoración concretos: ranking por "pre-incubación", por "incubación básica", por "incubación avanzada", por "difusión do espírito de empresa" e por "gradación".

Así, atendendo ao criterio de "incubación básica" -no que se avaliaban aspectos como infraestruturas, salas de reunións, apoio humano aos incubados, tarifa básica, networking ou seguimento-, a Fundación CEL sitúase en sexto lugar no total de viveiros analizados. Pola súa banda, atendendo ao criterio de "difusión do espírito emprendedor" -que avaliaba presenza en internet, atención ao público, publicacións propias, organización de seminarios, etc.-  a Fundación CEL sitúase en oitavo lugar.

Desde a entidade valórase positivamente este estudo, porque permite realizar unha "radiografía do apoio que se ofrece ao emprendedor a través dos centros de iniciativas empresariais en España", dando luz ao traballo de centros "probablemente pouco coñecidos pero non por iso menos eficaces no labor que realizan" e certificando unha teoría que desde a Fundación CEL sempre se tivo presente como obxectivo: o que os viveiros han de ser máis que meros aloxamentos, han de constituírse en verdadeiras "escolas para pemes", en palabras do profesor Blanco, nas que "o equipo humano, as persoas" e os servizos de asesoramento e tutelaxe que prestan aos emprendedores son máis importantes que "o edificio" en si.

Neste sentido, desde a Fundación CEL recálcase que o traballo que vén desenvolvendo no centro é o resultado de anos de experiencia (a Fundación constituíuse en 1997 e puxo en marcha, no ano 99, o primeiro viveiro Galicia de carácter privado), e do esforzo en materia de Responsabilidade Social Corporativa das empresas lucenses que forman parte do seu padroado, en especial desde 2012, ano no que o pouco apoio público que xa recibía desapareceu por completo.

O estudo de Funcas tamén certifica a "explosión demográfica" que sufriron os viveiros en España durante os últimos anos, coa explosión do que algúns autores empezaron a chamar unha auténtica "burbulla emprendedora" desde o ano de inicio da crise, 2008. A Fundación CEL sinala que a proliferación de novos viveiros "non é en si mesma negativa", pero que debería apostarse polo mantemento e impulso, sobre todo por parte da Administración Pública, daqueles centros que xa contan con "saber facer", experiencia e resultados acreditados en materia de creación e supervivencia de empresas, coordinándoos e racionalizando a súa creación para evitar duplicidades e prestar mellor servizo aos emprendedores.

Fundación CEL

A Fundación CEL tutelou a través do seu programa de viveiros de empresa desde a súa posta en marcha no ano 99 a un total de 85 proxectos empresariais, que supuxeron un investimento inducido de 25 millóns de euros e xeraron uns 500 postos de traballo directos (6 de media por empresa). A taxa de supervivencia das empresas que pasaron por esta incubación rolda en torno ao 75 - 80%, menor que en anos anteriores debido ao contexto económico actual pero aínda alta (esta taxa mide o mantemento da empresa despois de 42 meses de actividade, seguindo o criterio do Informe GEM).

A maiores, e á marxe das iniciativas atendidas no viveiro, é reseñable que a Fundación CEL é punto PAE e PIDi, e que atende en asesoramento, sen estar en incubación, a través da Axencia de Emprego (en marcha desde 2001) unha media de 60 proxectos ao ano nos últimos exercicios, a pesar das dificultades vividas coa crise. Unha media anual que excedía os cen proxectos en anos anteriores e que arroxaría unha cifra de máis de 900 proxectos atendidos desde 2001 nesta área (o que significa máis de 1.300 emprendedores atendidos, máis de 7.500 consultas xeradas e máis de 400 empresas postas en marcha).

VER ESTUDO FUNCAS