Voltar atrás

Escrito o:

Relevo na presidencia de APIEL

Eduardo Fernández Vila é o novo presidente da Asociación de Instaladores Electricistas e de Telecomunicacións da Provincia de Lugo (APIEL), tras asemblea electoral deste colectivo empresarial celebrada o sábado. A súa candidatura, a única presentada, foi proclamada por unanimidade no transcurso dunha reunión na que se puxo de novo de manifesto a necesidade de loitar contra o intrusismo no sector e propiciar a plena adaptación ao sistema telemático para a tramitación electrónica de Solicitudes de Rexistro de Instalacións Eléctricas de Baixa Tensión, que será obrigatoria a partir do mes de novembro.

Eduardo Fernández Vila pasa a rexer a organización lucense de instaladores tras a dimisión, por motivos profesionais, do anterior presidente, Ramón Campos, aínda que non é alleo á dirección desta entidade, na que xa ocupou a vicepresidencia tanto con Campos como co anterior presidente, Nivardo Rego.

Xunta

Fernández Vila, de Electricidade Vázquez Vila, estará acompañado por nove instaladores máis na nova xunta directiva da Asociación proclamada tras a asemblea do sábado: Alfonso Cancela Castro, Manuel Pena Otero, Mario Vila Tella, Carlos Rego Vale, Antonio Fernández Río, Xullo Folgueira Sánchez, Benigno Fernández Rego, José Manuel Somoza Pardo e Manuel Montouto Illán.

Obxectivos

Entre os principais obxectivos da nova directiva de APIEL atópanse seguir loitando contra a competencia desleal e o intrusismo no sector, que afecta tan negativamente aos profesionais electricistas como a propia crise.

Tamén se buscará facilitar ferramentas ao asociado para adaptarse correctamente aos cambios que van xurdindo no día a día desta actividade profesional, como a tramitación electrónica de Solicitudes de Rexistro de Instalacións Eléctricas de Baixa Tensión, que será obrigatoria a partir do próximo mes de novembro.

Este sistema permite ao instalador realizar toda a tramitación de forma telemática, desde calquera computador con acceso a Internet, o que supón un importante aforro en tempo e custos de tramitación, ao eliminarse a necesidade de desprazamentos ás dependencias da Consellería de Industria.

Finalmente, buscarase tamén formar adecuadamente aos asociados de APIEL nos novos retos que xorden no exercicio da súa actividade, en especial en solucións para a mellora da eficiencia enerxética das instalacións dos seus clientes.