Escrito o:
Os hostaleiros lucensees volven a Pamplona con...E para comer, Lugo
O posto de …E para comer, Lugo, co que a Apehl e Turismo de Galicia están dando a coñecer a provincia luguesa como destino turístico en todas as etapas da Vuelta Ciclista a España por terceiro ano consecutivo, estivo hoxe en Pamplona, cidade na que comezou esta campaña de promoción o 18 de agosto de 2012 e punto de inicio da proba ciclista ese ano.
O cinco veces gañador do Tour de Francia, Miguel Indurain, a presidenta da Comunidade Foral de Navarra, Yolanda Barcina, e o músico e intérprete Serafín Zubiri foron algúns dos personaxes coñecidos que hoxe lle deron apoio á marca gastronómica …E para comer, Lugo na capital navarra, saída da 11.ª etapa da Vuelta.
O stand de promoción da provincia instálase na zona VIP de todas as saídas de etapa, por onde pasan veciños das localidades anfitrioas, ciclistas, patrocinadores, xornalistas, representantes da vida pública e afeccionados de múltiples nacionalidades.
O persoal da Apehl que atende o posto serve diariamente numerosas especialidades gastronómicas elaboradas con produtos autóctonos facilitados de xeito altruísta por varios consellos reguladores e asociacións de produtores. Este ano, en concreto, sumáronse ao proxecto os consellos reguladores de Ribeira Sacra, Ternera Gallega, Queixo Arzúa-Ulloa, Queixo San Simón da Costa, Queixo do Cebreiro, Pataca de Galicia, Castaña de Galicia, Grelos de Galicia, Pemento de Mougán e Agricultura Ecolóxica de Galicia, así como por Asoporcel, Avimós, Asovega, Fabas de Lourenzá, Armadores de Burela e Daveiga.
Ademais, lévase a cabo unha promoción informativa dos atractivos da provincia a través da distribución da guía turística …E para comer, Lugo.
Entre as caras coñecidas que xa se fotografaron este ano co cartel de …E para comer, Lugo están o cantante David de María, os xornalistas deportivos Alfredo Relaño e Tomás Roncero e mesmo o director de La Vuelta, Javier Guillén. A estes súmanse varios corredores, tales coma os nacionais Gorka Izaguirre, Antonio Piedra e José Herrada ou os internacionais Winner Anacona, Christopher Froome e Jacopo Guarnieri. Por outra parte, na capital gaditana visitaron o stand varios mariñeiros e oficiais da Armada Española, xa que ese día a saída tivo lugar desde o buque portaavións LHD Juan Carlos I, atracado no porto de Cádiz.
Balance das edicións anteriores
Na Vuelta Ciclista a España de 2012, polo posto de …E para comer, Lugo pasaron unhas 20.000 persoas, ás que se lles ofreceron un 50.000 aperitivos. As cifras aínda foron mellores o ano pasado, unha edición na que se serviron arredor de 60.000 aperitivos e se recibiron máis de 25.000 visitantes.
Non cabe dúbida de que, ao tratarse dunha proba deportiva cun grande impacto mediático e con repercusión internacional, a participación na Vuelta a España supón unha excelente oportunidade para dar a coñecer a provincia dentro e fóra das nosas fronteiras.