Voltar atrás

Escrito o:

Medio centenar de empresarios infórmanse sobre xestión de residuos na CEL

Ao redor de medio centenar de empresarios asistiu hoxe á xornada organizada pola Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e  SOGAMA sobre "Xestión de Residuos Empresariais de Galicia". Este encontro informativo contou coas achegas de Carlos Vila, da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, quen centrou a súa intervención na xestión que as compañías deben dar ás distintas tipoloxías de residuos xeradas, diferenciando claramente entre os asimilables a urbanos e os de carácter industrial, á vez que explicou a normativa e  procedemento a seguir e, o máis importante, beneficios, tanto ambientais como económicos, que as empresas poden alcanzar se levan a cabo unha correcta xestión do seu lixo.

Acto seguido, o xerente de Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa), Rafael Rodríguez, falou do labor desta entidade, cuxo centro neurálxico se atopa no concello coruñés das Somozas, e as características do proceso de tratamento dos residuos industriais perigosos que recibe, producidos na maior parte da nosa comunidade. Sogarisa é moi coñecida polo tratamento dispensado aos residuos procedentes do Prestige, de gran complexidade ao estar conformados por distintos materiais (area, plásticos, auga e fuel) e chegou a converterse en empresa líder de Galicia no sector, pero tamén una das máis importantes a nivel nacional, reducindo o impacto deste tipo de desperdicios e póndoos en valor.

Posta en común

A xornada, presentada e moderada polo presidente de Sogama, Luís Lamas, e o secretario da CEL, Jaime López, concluíu cun tempo para preguntas, comentarios e observacións, dando a oportunidade aos asistentes a que clarifiquen todas as súas dúbidas e, de ser o caso, dean a coñecer as súas experiencias na xestión dos residuos, procedendo á posta en común das mesmas e intercambio de información, sempre beneficiosa para a aprendizaxe mutua.

Acordo

Esta sesión informativa sobre xestión de residuos organizouse no marco dun convenio de colaboración subscrito entre a confederación empresarial lucense e SOGAMA a través do que se busca para promover un mellor coñecemento e formación por parte de empresarios, emprendedores, traballadores e desempregados de cuestións relacionadas co medio ambiente, e en virtude de cal se organizarán novas accións divulgativas en próximas datas.