Escrito o:
CEL e Sogama informan ás empresas de Lugo sobre xestión de residuos
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e SOGAMA organizan en Lugo, para o próximo día 25 de xuño, mércores, a xornada "A Xestión de Residuos Empresariais de Galicia", que terá terá lugar en horario de 19:00 a 21:00 horas (ao final desta entrada pode descargarse o programa completo) na sede central da CEL (Pza. de Santo Domingo, 6-8, 2ª Planta).
Este encontro informativo contará coas achegas do subdirector xeral de Residuos e Solos Contaminados da Xunta de Galicia, Miguel Anxo Veiga, quen abundará durante a súa intervención na xestión que as compañías deben dar ás distintas tipoloxías de residuos xeradas, diferenciando claramente entre os asimilables a urbanos e os de carácter industrial, á vez que explicará a normativa e procedemento a seguir e, o máis importante, beneficios, tanto ambientais como económicos, que as empresas poden alcanzar se levan a cabo unha correcta xestión do seu lixo.
Acto seguido, o xerente de Sociedade Galega de Residuos Industriais (Sogarisa), Rafael Rodríguez, falará do labor desta entidade, cuxo centro neurálxico se atopa no concello coruñés das Somozas, e as características do proceso de tratamento dos residuos industriais perigosos que recibe, producidos na maior parte da nosa comunidade. Sogarisa é moi coñecida polo tratamento dispensado aos residuos procedentes do Prestige, de gran complexidade ao estar conformados por distintos materiais (area, plásticos, auga e fuel) e chegou a converterse en empresa líder de Galicia no sector, pero tamén una das máis importantes a nivel nacional, reducindo o impacto deste tipo de desperdicios e póndoos en valor.
Posta en común
A xornada, presentada e moderada polo presidente de Sogama, Luís Lamas, e o secretario da CEL, Jaime López, concluirá cun tempo para preguntas, comentarios e observacións, dando a oportunidade aos asistentes a que clarifiquen todas as súas dúbidas e, de ser o caso, dean a coñecer as súas experiencias na xestión dos residuos, procedendo á posta en común das mesmas e intercambio de información, sempre beneficiosa para a aprendizaxe mutua.
A asistencia é gratuíta pero as prazas son limitadas, polo que é obrigatorio tramitar inscrición a través da web da CEL www.cel.es. Máis información no 982 23 11 50.
Acordo
Esta sesión informativa sobre xestión de residuos organízase no marco dun convenio de colaboración subscrito entre a confederación empresarial lucense e SOGAMA a través do que se busca para promover un mellor coñecemento e formación por parte de empresarios, emprendedores, traballadores e desempregados de cuestións relacionadas co medio ambiente, e en virtude de cal se organizarán diferentes accións divulgativas.