Voltar atrás

Escrito o:

Os perruqueiros de Lugo piden volver a un tipo reducido de IVA

A Asociación Provincial de Empresarios de Barbaría, Estética e Afíns de Lugo (Pelirroja), que preside Eduardo Souto, presentou hoxe ante a Delegación da Axencia Tributaria en Lugo unha carta dirixida ao titular do Ministerio de Facenda na que se solicita que se estude volver aplicar un tipo reducido de IVE (do 10%) aos servizos de barbaría, aos que na actualidade está a aplicarse un 21%.

A Asociación sinala que segundo diferentes estudos e datos da Asociación Nacional de Empresas de Imaxe Persoal, en 2013 pecharon máis de 8.000 salóns e poderían pechar outros 5.600 para 2014 se continúa a tendencia actual. Igualmente, produciuse nos últimos anos unha preocupante perda de emprego, que podería cifrarse nuns 20.000 postos de traballo directos desde a subida do IVE, aos que poderían sumarse uns 14.000 máis en 2014.

Desde a asociación empresarial lucense manifestan tamén preocupación pola nova reforma fiscal que se está estudando a nivel nacional, e que pode implicar non só que non se volva ao tipo reducido, senón mesmo novas subidas do IVE aplicado a determinados servizos que poderían alcanzar o 23%. Sinalan que o sector non podería soportar novos incrementos: a dramática situación que viven algúns salóns intensificaríase, e o seu xa comprometida rendibilidade desparecería definitivamente.

A Asociación Provincial de Empresarios de Barbaría sinala o seu acordo coas reivindicacións efectuadas polos colectivos empresariais do sector noutros puntos do país. Destaca que polo momento en Lugo non se efectuarán manifestacións, aínda que se estudan accións alternativas de face para o futuro no caso de que non se poñan en marcha medidas paliativas para a difícil situación que atravesa o sector.