Escrito o:
A auga, protagonista da sétima guía turística de ...E para comer, Lugo
O presidente da Apehl, Cheché Real, presentou en Fitur o sétimo volume da guía turística ...E para comer, Lugo, acompañado pola secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias; a concelleira de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua, Carmen Basadre; a deputada provincial Pilar García Porto e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.
Real aproveitou este escaparate internacional para anunciar o novo nome oficial da Apehl, que pasa a denominarse Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo. Tal e como indicou, "este cambio non vai supor diferenzas respecto da actividade que viñamos desenvolvendo. Hai tempo que traballamos na promoción turística e gastronómica da provincia baixo a marca ...E para comer, Lugo".
O presidente do colectivo de hostaleiros reivindicou a necesidade de que os axentes que operan neste ámbito desde a iniciativa pública e privada deseñen unha política común de actuacións que permita proxectar unha imaxe clara de Lugo como destino.
A guía presentada naceu hai anos con esa vocación e, de feito, é a única do seu xénero que representa o conxunto da provincia, o que a fai imprescindible para os viaxeiros. A publicación ofrece un heteroxéneo abanico de propostas para que os turistas organicen un completo plan vacacional por estas terras. Nesta ocasión, a protagonista é a auga nas súas múltiples formas: mar, ríos, rías, lagoas, fervenzas, fontes e mananciais, a través dos cales se mostran natureza, arte, historia, festas e gastronomía.
...E para comer, Lugo ten unha tirada de 15.000 exemplares e unha ampla distribución polas oficinas de turismo, os albergues de peregrinos, as feiras sectoriais, as etapas da Volta, etc. Así mesmo, conta cunha edición on-line, dispoñible na páxina web www.eparacomerlugo.es.
Entre o público asistente ao acto atopábanse os alcaldes dos concellos de Barreiros, Cervo, Foz e Lourenzá; o tenente de alcalde de Pantón; os portavoces do PP no Senado e na Deputación Provincial de Lugo; o presentador José Manuel Parada; o cociñeiro Quique Rodríguez; representantes dos hostaleiros da capital madrileña e os presidentes de Avimós, de Asovega e da Asociación de Amigos do Camiño, que se achegaron até o Ifema para apoiar á Apehl no lanzamento desta guía.
Máis info da participación de APEHL en FITUR na web ...E para comer, Lugo
Foto de APEHL