Voltar atrás

Escrito o:

Pelirroja impulsa o seu primeiro Evento Benéfico

A Asociación Provincial de Empresarios de Peluquería, Estética y Afines de Lugo (Pelirroja), que preside Eduardo Souto, prepara unha nova gala: o seu I Evento Benéfico Pelirroja, a través do cal se recadarán fondos para doar á Igrexa Parroquial da Milagrosa.

O Evento, organizado por este colectivo empresarial co apoio dos seus colaboradores habituais (L'Oréal Professionnel, o Concello de Lugo, Disco Azul, Cafés Candelas, a CEL, entroutros), busca unha vez máis o diferente e novo para formar, unir e impulsar aos profesionais relacionados co sector de barbaría e estética en Lugo, á vez que persegue achegar o seu grao de area en materia de acción social, neste caso, da Igrexa da Milagrosa.

Programa

Nesta ocasión, presentaranse, por primeira vez no interior dun templo aberto ao culto (a propia Igrexa da Milagrosa) as últimas tendencias en peiteados de noiva, coa colaboración de L'Orèal Professionnel e o traballo de Cebado Peluqueros. Vestirá ás noivas o coñecido deseñador Franco Quintans, aos noivos Diez Home Novios, con traxes de Piratelli, e aos nenos Mucha. Tamén colaborarán Dorian Gray Lencería e na decoración do santuario, Musa Floristas. Máis de vinte modelos participarán no desfile.

Espectáculos de danza da man de Star Dance e do Conservatorio de Danza de Lugo, completan o programa dun evento novo que, unha vez máis, dará visibilidade ao sector de barbaría e estética na provincia.

A presentación do I Evento correrá nesta ocasión a cargo de Genma Pardo, actriz e xornalista que interveu en diferentes longametraxes, curtametraxes e series, sobre todo de TVG, con ampla experiencia na presentación de galas e desfiles de moda e beleza.

Entradas

Este I Evento Benéfico Pelirroja terá lugar o xoves 27 de febreiro a partir das 21:30 horas. As entradas son limitadas e levan aparellado un donativo de 15 euros que se destinará ao labor parroquial da Igrexa A Milagrosa.

Os socios de Pelirroja terán dereito a unha entrada da que se fará cargo a Asociación. Se desexan máis, haberán de reservalas e abonar o donativo. As entradas estarán dispoñibles para retirada na sede central da CEL (Pza. de Santo Domingo, 6-8, 2ª Planta, 27.001 Lugo). Máis info no número de teléfono 982 23 11 50.

Seguir actualidade no Facebook de Pelirroja