Voltar atrás

Escrito o:

Pelirroja pon en marcha o I Evento de Perruquería e Estética

A nosa sede central acolleu hoxe a presentación do I Evento de Perruquería e Estética, que organiza a Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética de Lugo (Pelirroja), coa colaboración do Concello de Lugo, a Deputación Provincial de Lugo e a Fundación TIC e o grupo L'Oréal Professionnel.

Segundo explicou Eduardo Souto Loureiro, presidente da Asociación, este encontro busca dar a coñecer a todos os profesionais da provincia as novas técnicas e métodos de traballo que hoxe se están aplicando no ámbito de barbaría e estética, co obxectivo final de mellorar a formación dos perruqueiros lucences "e, con iso, a calidade do servizo que ofrecemos, a satisfacción dos nosos clientes e, en definitiva, as perspectivas de futuro das empresas do gremio". "Trátase de profesionalizar o sector, converter aos perruqueiros en empresarios".

O I Evento de Perruquería e Estética de Lugo terá lugar en horario de 10:30 a 14:00 horas no Aditorio Gustavo Freire de Lugo. Inclúe un programa de actos un show de Barbeiros 3.0, de barbaría masculina, o espectáculo de ballet "Esferas" e un novo show demostrativo dos perruqueiros Luís & Tachi de L'Oréal Professionnel, de perruquería feminina. Estilismo en directo e posterior pase no que participarán cincuenta modelos profesionais vestidos por Kúbika ou Luís Areñas, entre outros. A exitosa actriz lucense Cristina Castaño, que actualmente traballa na serie La que se avecina, presentará a gala.

Só poderán asistir quen conten con invitación orixinal, que haberá de presentarse á entrada do evento. As empresas integradas na asociación de barbaría lucense recibirán invitacións xa estes días. Distribuiranse tamén a empresas non asociadas e outros profesionais do sector, a fin de ampliar o coñecemento entre aqueles que teñen relación co gremio na provincia e dar forza e impulso ao colectivo e á Asociación. Os profesionais que teñan interese en asistir poden ademais contactar coa sede desta organización para solicitar invitacións, no número de teléfono 982 23 11 50.

Eduardo Souto estivo acompañado no acto de presentación deste Evento por Carmen Basadre, conceljal de Cultura e Turismo de Lugo, Regina Polín Rodríguez, deputada provincial, Gustavo Padilla, xefe de vendas de L'Oréal Professionnel e Miriam Souto, secretaria da Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética.