Escrito o:
Nova imaxe corporativa para os empresarios de peluquería e estética de Lugo
Eduardo Souto Loureiro, novo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética de Lugo, acompañado de Miriam Souto, tamén membro da nova directiva deste colectivo empresarial, e de José Díaz, en representación do grupo L'Oréal Professionnel, recibiron hoxe na sede central da CEL a un grupo de xornalistas lucenses para presentar a imaxe corporativa coa que operará este colectivo empresarial a partir da data, así como novas actividades do colectivo.
O deseño do novo logotipo da Asociación rompe totalmente coa imaxe anterior, xa obsoleta, cunha proposta nova e dinámica que trata de abrirse camiño de forma rápida e eficaz na mente dos profesionais e clientes dos centros de barbaría e estética da provincia. Para un rápido recoñecemento, a Asociación conservará a súa denominación pero incluirá un nome comercial, "Pelirroja", pensado desde unha óptica máis empresarial.
O nome "Pelirroja", segundo explicou Souto Loureiro, xurdiu da idea do carácter rebelde e diferente que adoita fomar parte da personalidade das mulleres con este ton de cabelo, polo seu carácter "especial" e "menos común". Neste sentido, sinalou que "o pelo avermellado chama a atención porque é a cor menos común; tan só un 1 ou un 2% das persoas teñen o cabelo pelirroxo de forma natural e, ao ser tan pouco habitual, é unha cor sempre se considerou moi especial, atractivo por diferente".
Tamén dá xogo a nivel cromático por ser o laranxa unha cor enérxica, asociado a conceptos como alegría, entusiasmo, estímulo, mocidade, novidade e, sobre todo, creatividade, determinación e éxito, mesmo fortaleza e resistencia, todas elas ideas baixo cuxo paraugas traballará a nova directiva da Asociación.
En xeral, a actual proposta de imaxe, do estudo de deseño gráfico Dobleuve, partiu da base de buscar unha estética "que se saíse do habitual neste tipo de asociacións", ofrecendo "unha liña limpa e contemporánea" como características básicas da nova identidade.
Neste sentido, "o mundo da perruquería, do mesmo xeito que o da moda, seguen tendencias que cada tempada tratan de sorprender con novas formas e cores: a proposta de "Pelirroja" nace como unha marca de impacto, diferente, contemporánea e, á vez, "atemporal, que se caracteriza por un deseño limpo e de formas básicas totalmente adaptable a eses cambios continuos propios do mundo da estética".
Obxectivos
Como xa se adiantou nun anterior comunicado, entre os obxectivos desta nova directiva atópanse o dar cabida na Asociación a todas as empresas que teñan relación co gremio na provincia, ademais de potenciar a base "das nosas empresas, que son os futuros traballadores, a fin de asegurarnos un futuro profesional exitoso a través da mellora da súa formación e educación, impulsando, en definitiva, a profesionalización do sector", en palabras de Eduardo Souto. Nesta liña, está a prepararse a convocatoria dos "Premios Pelirroja", a través dos que se tratará de recoñecer e dar visibilidade ao talento dos profesionais lucenses.
Tamén se buscará proporcionar un impulso á perruquería masculina a través da organización de iniciativas especificamente deseñadas para esta área en auxe na oferta de barbaría e estética.
Unha das primeiras accións que a Asociación ten xa en marcha é a convocatoria dun gran evento, que terá lugar no mes de setembro, aberto a todas as empresas do gremio da provincia, co fin de dar maior visibilidade e dinamizar ao sector, e no que xa está pechado o apoio de L'Oréal. Será unha gran gala cuxos detalles se darán a coñecer a principios do mes de setembro.
Internet
En relación con todas as novas liñas de traballo da Asociación, no acto que tivo lugar hoxe tamén se anunciou a posta en marcha dunha páxina web que estará operativa xa no mes de agosto no dominio www.pelirroja.org, así como a entrada nas redes sociais máis populares, Facebook e Twitter, a través das que se poderá seguir a actividade do colectivo e, en particular, todas as novidades relativas á gran gala que prepara para o mes de setembro.