Escrito o:
Mellora da economía española no segundo trimestre do ano
O novo boletín económico do Banco de España, correspondente ao mes de xuño e publicado hoxe, parece destacar certos signos para o optimismo na evolución da economía española durante o segundo trimestre do ano.
Así, textualmente, o informe afirma que "no seu conxunto" apúntase a "unha melloría na maioría dos indicadores de demanda e actividade, e a un alivio na tónica contractiva".
De forma máis concreta, sinálase a lixeira melloría nos indicadores que miden a confianza de fogares e comerciantes polo miúdo, incremento das matriculacións de vehículos particulares (0,9%) ou o incremento nun 0,2% do índice do comercio polo miúdo. Destaca tamén o informe o elevado repunte interanual en abril dos fluxos comerciais de bens (exportacións e importacións expandíronse a taxas do 16,3% e 14,8%, respectivamente) ou o mellor comportamento dos indicadores relativos ao turismo.
Tamén se destaca o alivio no ton recesivo dos indicadores que miden actividade industrial ou do sector servizos, así como que se "confirma a tónica de contención na caída do emprego apuntada nos meses previos".
O boletín do Banco de España correspondente ao mes de xuño inclúe tamén nos seus contidos os "Resultados das empresas non financeiras no primeiro trimestre de 2013" (cuxos datos neste caso falan de contracción máis intensa que no mesmo período do exercicio anterior), a "Evolución do desaxuste educativo entre a oferta e a demanda de traballo en España" ou "Esquemas de apoio financeiro ás pemes en España", entre outros.