Voltar atrás

Escrito o:

Eduardo Souto, novo presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética de Lugo

Eduardo Souto Loureiro (Perruquería Eduardo Souto) presidirá a Asociación Provincial de Empresarios de Perruquería e Estética de Lugo durante os próximos dous anos. A súa candidatura, a única presentada, foi proclamada onte por unanimidade na reunión de asemblea deste colectivo empresarial celebrada na sede central da CEL.

Mª Luz Rodríguez (Perruquería Pilar) e Miriam Pérez (Miriam Souto Perruqueiros) acompañan ao novo presidente nesta nova directiva, que vén con moitas ganas e multitude de ideas para dinamizar ao sector na provincia.

Entre outras tarefas, o actual equipo directivo abordará de forma inmediata a renovación da imaxe corporativa da Asociación, adaptándoa aos novos tempos. A nivel de imaxe, buscarase tamén reforzar a presenza online a través dunha nova web e a entrada nas redes sociais máis populares.

Formación

Un dos obxectivos clave da Asociación para os próximos anos será o de estudar fórmulas de colaboración e promoción do talento que deriven na posta en marcha de iniciativas que melloren a formación e capacitación dos profesionais do sector.

Nesta liña, buscarase tamén unha maior integración no colectivo de todas as empresas cuxa actividade teña relación co gremio, fin co cal se porá en marcha unha campaña divulgativa a nivel provincial, buscando incrementar o número de asociados e a unión dos profesionais relacionados co gremio.

Eduardo Souto substitúe na presidencia deste colectivo a Carlos Carreira, que levaba xa varios anos no cargo, razón pola que decidiu non volver presentar candidatura e deixar paso a novas caras á fronte da asociación. Souto Loureiro recoñece o labor dos seus predecesores no cargo, tanto de Carlos como o resto da directiva, pois deixan unha Asociación saneada, forte e unida, a través da que se poden emprender novos proxectos para dar un impulso ao sector de barbaría e estética na provincia.