Voltar atrás

Escrito o:

En vigor a obrigatoriedade de certificación enerxética de edificios

Desde o día 1 de xuño está en vigor a extensión da obrigatoriedade a tódolos inmobles en aluguer ou venda de contar con un certificado de eficiencia enerxética (os construidos a partir de 2007 xa estaban obrigados a dispor desta documentación), segundo o establecido no Real Decreto 235/2013, de 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

Segundo esta normativa, a obtención do certificado de eficiencia enerxética outorgará o dereito de utilización, durante o período de validez do mesmo, da etiqueta de eficiencia enerxética, similar á utilizada para os electrodomésticos. No caso dos edificios, e en función do seu consumo enerxético e emisións de CO2 á atmosfera, establécese unha escala de cualificacións que vai da "G" (menor eficiencia) á "A" (maior eficiencia).

Tamén será obrigatorio incluír esta etiqueta en toda oferta, promoción e publicidade dirixida á venda ou arrendamento dun edificio ou parte del.

É o propietario do inmoble o que haberá de solicitar o certificado, que terá unha validez máxima de dez anos. Entre os profesionais competentes para a certificación atópanse os arquitectos, aparelladores e enxeñeiros.

Na web da Secretaría de Estado de Enerxía do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo pódese consultar máis información sobre o certificado de eficiencia enerxética e descargar a lexislación vixente.