Voltar atrás

Escrito o:

A CEL atendeu preto de 1.400 citas de orientación laboral no que vai de ano

O servizo de Orientación Laboral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) leva atendidas xa preto de 1.400 entrevistas ocupacionais no que vai de ano. Unha cifra moi semellante á de exercicios anteriores, e que se sumamos nos achega a un total de preto de 6.500 servizos de asesoramento en materia de orientación laboral e autoemprego prestados pola CEL durante o último lustro.

De forma adicional nos últimos meses deste ano, e en colaboración con ONG Rescate, a CEL comezou a prestar servizo de orientación laboral a migrantes dalgún dos centros temporais habilitados na provincia, con carácter diferenciado e grupal polas especiais circunstancias e dificultades (de idioma, acreditación de formación ou experiencia, situación administrativa, etcétera) na que se atopan.

Perfil de usuarios

Respecto ao perfil de usuarios deste servizo da CEL, as cifras estatísticas dos últimos anos reflicten unha case paridade total de xénero, pois aproximadamente un 48% das persoas atendidas son homes, e un 52% mulleres, o que supón un cambio respecto dos primeiros anos de funcionamento do servizo, nos que a maioría (máis dun 60%) dos usuarios eran mulleres.

O que si existe é unha maior fenda porcentual entre aqueles demandantes usuarios do servizo que reciben unha prestación dos Servizos Públicos de Emprego fronte aos que non, sendo non perceptores preto dun 70% das persoas atendidas.

Por outra banda, a franxa de idade na que máis concentran os demandantes de emprego atendidos pola CEL sitúase entre os 45 e os 65 anos, seguida polos de 31 a 45 anos. 

Servizo CEL

Respecto ao servizo concreto que ofrecen os técnicos de orientación laboral da CEL, trátase de entrevistas personalizadas a partir das que se proporciona un proceso de axuda de carácter continuo para o desenvolvemento das competencias persoais, sociais e laborais. Non se trata, por tanto, de accións illadas, se non de diferentes actuacións dirixidas a lograr a efectiva inserción laboral das persoas atendidas.

Así, facilítase desde asesoramento básico para a confección dun currículo vitae, a información sobre ETTs en Lugo ou formación específica de interese para o perfil de usuario, acceso a formación regulada ou tutelaje en materia de autoemprego, no caso de persoas que se dirixen aos técnicos cunha idea empresarial xa definida.

O servizo de Orientación Laboral da CEL mantense activo desde 1998 co financiamento da Xunta de Galicia. Conta nos últimos anos cun técnico asignado a xornada completa e dous de apoio a xornada parcial, que atenden a persoas en situación de desemprego de forma presencial desde as oficinas centrais da organización empresarial na Praza de Santo Domingo en Lugo. 

Axencia de Colocación

A maiores do servizo de Orientación Laboral financiado pola Xunta, a Confederación lucense mantén tamén desde fai dez anos un servizo gratuíto de Axencia de Colocación, a fin de favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas que se poñen en contacto coa entidade, á vez que se facilita a cobertura de vacantes a empresas da provincia de Lugo.

A Axencia conta cunha base de datos de máis de 1.300 currículos, informatizada e actualizada periodicamente. As empresas e candidatos interesados poden enviar as súas ofertas e demandas descargando os correspondentes modelos da Axencia nesta entrada da web