Voltar atrás

Escrito o:

CEL e Deputación presentaron hoxe unha publicación estatística sobre Lugo

A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e a Deputación de Lugo presentaron hoxe na cidade amurallada a publicación "Lugo Informe Anual 2024", un estudo elaborado pola organización empresarial lucense grazas ao apoio do ente provincial.

A publicación, que foi explicada polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral da CEL, Jaime López, no Pazo de San Marcos, recompila os principais datos estatísticos que definen a realidade económica, laboral e social de Lugo, tanto provinciais como comarca a comarca e dos 67 municipios que as conforman. 

Durante a presentación Jaime López destacou que "este estudo estatístico é só una das patas das diferentes accións que desenvolve a CEL co apoio da Deputación". Unha colaboración que, segundo as súas palabras, este exercicio e o próximo implica un apoio estratéxico as empresas lucenses baseado en "profundar no traballo de investigación estatística e económica do noso territorio", "a posta en marcha de accións de internacionalización en novos mercados" e "reforzar o labor de análise e difusión da normativa, cada vez máis extensa e de difícil interpretación".

"Apostar por reunir este tipo datos e elaborar informes concretos, facilitando o acceso aos mesmos por parte das nosas empresas", explicou e valorou que "é unha actividade que desde a CEL consideramos moi necesaria e de alto valor". Tamén subliñou que, á luz dos datos do Informe, certifícase a evolución económica máis favorable da Mariña e Monforte de Lemos, considerando que esta realidade é debida ao seu peso industrial e que é necesario "desenvolver capacidade industrial noutros territorios da provincia".

Ferramenta de análise

Pola súa banda, José Tomé indicou que o informe é unha "indispensable ferramenta de análise" que permite " saber como están as cousas e que podemos facer para melloralas".

Respecto dos datos, o presidente da Deputación realizou un percorrido polos que considerou de especial interese na publicación. Concretamente, explicou que na provincia de Lugo se atopa só o 12% da poboación de Galicia, pero contamos co 12% das empresas da Comunidade, que producen o 11% do PIB galego, uns 7.400 millóns de euros”, subliñou e engadiu que no que fai referencia ao emprego, a “taxa de paro é un punto e medio inferior á galega, 8,2% fronte ó 9,7 galego, e baixou 7,6 puntos dende o ano 2012”.

Nese sentido, o mandatario provincial puxo en valor que Lugo avanza en moitos indicadores económicos e sociais. Mencionou como exemplo o sector primario, onde a provincia destaca no sector gandeiro e lidera en agricultura ecolóxica, concentrando o 48% da superficie deste tipo de explotacións. Tamén destacou o músculo comercial, cunhas exportacións que acadan os 641M€, e o turístico, que con 700.000 visitantes anuais volve a superar as cifras anteriores á pandemia.

Resaltou a capacidade de Lugo para seguir atraendo poboación inmigrante; “non é aínda suficiente para contrarrestar o descenso da natalidade, pero é un dato significativo”. E tamén subliñou que “me parece moi ilusionante o incremento constante da matrícula no noso campus universitario, que chegaba aos 3.256 estudantes no curso 2022/2023”

Desafíos da provincia

Alertou, sen embargo, que algunhas situacións non se resolverán só coa dinámica do mercado, sendo fundamental unha intervención decidida por parte das administracións públicas, especialmente no ámbito autonómico, para abordar os retos da dependencia, a asistencia social e a desigualdade.

Puxo como exemplo que un 7% da poboación -22.700 persoas- ten máis de 85 anos. Un incremento da esperanza de vida que “obriga a insistir unha vez máis na necesidade de facer maiores investimentos en residencias e programas de atención”. Sinalou nese sentido a rede de 9 Centros de Atención a Maiores abertos pola Deputación, “pero non podemos asumir en solitario a solución dunha situación para a que non ten competencias” e pediu un xiro de “180 graos” nas políticas públicas galegas de dependencia e asistencia social.

O Presidente tamén puxo sobre a mesa os 3.600 fogares lucenses que teñen uns ingresos mensuais de só 600 euros, moitos dos cales non superan os 400 euros. “Temos que traballar para reducir esta cifra, para que o progreso económico se traduza  nunha mellora real nas condicións de vida de quen máis o necesita, especialmente dos nenos e nenas que ven a súa infancia ameazada polo risco grave de pobreza”, apuntou.

Tomé Roca fixo referencia tamén a perda xeral de poboación no rural, cara á cidade, “pero necesitamos inverter estas tendencias, porque un progreso baseado na despoboación do rural e a concentración da poboación na capital da provincia non parece unha base sólida de cara ó futuro”.

Radiografía

A publicación Lugo informe anual 2024 ofrece unha radiografía anual e exhaustiva da situación socioeconómica da provincia.

No ámbito económico, o 2021 PIB da provincia de Lugo superou os 7.395M€, o que supón case o 12% do PIB de Galicia. O sector da economía que máis actividade económica xera son os servizos, seguido do sector primario, a industria e a construción. A tendencia do IPC foi notablemente crecente desde o estalido da crise económica xerada pola pandemia e na actualidade “vemos como se está recuperando”, cun 3% rexistrado no 2023.

A nivel laboral, a maioría dos máis de 137.000 traballadores que exercen na provincia de Lugo dedícanse, por tanto, ao sector servizos (64,64%), que a pesar do descenso relativo anotado no ano 2020. Séguelle a agricultura (14,28 %), industria (11,4%) e construción (6,34%). 

A taxa de paro en 2023 situouse no 8,20%, mentres que no total de Galicia situábase no 9,7%. Desde 2012, a taxa de paro na provincia de Lugo descendeu 7,68 puntos porcentuais.

Respecto a evolución do tecido empresarial, Lugo conta con 22.600 empresas. Con todo, os sectores industriais e de construción rexistraron unha contracción notable do -7,36% e do -9,5% respectivamente) en comparación con 2022. O comercio tamén diminuíu, aínda que en menor medida (-7,33%). As empresas sen asalariados reducíronse de 12.862 en 2022 a 11.660 en 2023, destacando unha “vulnerabilidade” nos negocios máis pequenos. 

A publicación conta con exemplares impresos, dispoñibles na sede central da CEL, ou pode descargarse nesta ligazón.