Voltar atrás

Escrito o:

Preto de corenta empresarios reúnense na CEL para actualización normativa de cara a 2025

A sede central de Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) acolleu hoxe unha xornada informativa sobre "Novidades normativas 2025. Como preparar á nosa empresa: Novidades fiscais e factura electrónica”, á que asistiron preto de corenta empresarios da provincia. 

Un encontro organizado co apoio da Deputación de Lugo, no marco das actuacións de ámbalas dúas entidades de acción estratéxica para o apoio ás empresas lucenses. Entre estas actuacións, inclúense actividades de difusión, sensibilización e asesoramento sobre as diferentes novidades normativas que se van aprobando a nivel autonómico e nacional e cuxa adaptación supón especiais dificultades para as empresas de pequeno tamaño como as que conforman o tecido empresarial de Lugo.

A apertura desta actividade divulgativa foi efectuada polo empresario de Cafés Candeas, Ramon Alonso, en representación do consello asesor da CEL; Carlos López, deputado da Deputación de Lugo e Miguel Barroso, socio director de Deloitte en Galicia e Castela e León. O tres coincidiron en destacar a necesidade deste tipo de encontros de cara a dar a coñecer e aclarar dúbidas que afectan de forma fundamental á actividade diaria das empresas

Fiscalidade

A xornada dividiuse en dous partes, unha primeira na abordáronse as modificacións lexislativas no imposto sobre sociedades (en vigor para o peche 2024), así como outras reformas fiscais en tramitación con aprobación prevista antes de final deste ano e previsión de entrada en vigor entre o actual exercicio nuns casos, con entrada en vigor retroactivamente, e con aplicación para 2025 noutros casos. 

A segunda parte centrouse en facturación electrónica, que nun prazo máximo de dous anos se imporá en todo tipo de empresas, abordando as súas repercusións desde o punto de vista fiscal, legal e tecnolóxico. Lembrouse como grandes, medianas e pequenas empresas terán que adaptarse e comezar a emitir e/ou recibir as súas facturas por medios electrónicos e falouse de solucións, ferramentas e plans para implementar unha normativa que modificará a forma de operar das empresas.

Para a primeira parte contouse coas achegas de Diana Soto, Socia de Fiscal (Tax) en Deloitte Legal, especializada en operacións de reestruturación e adquisicións de compañías, así como responsable da área de Xestión de Coñecemento de Deloitte Legal e do Sector Automoción para a área de impostos. Para o contido específico sobre facturación electrónica (novidades en tributación indirecta: facturación electrónica obrigatoria e sistema VeriFActu), escoitouse a Antía López Caridade, Asociada Senior de Fiscal (Tax) en Deloitte Legal, especializada en tributación indirecta, así como Benito Fernández da Torre, manager de Tecnoloxía en Deloitte Consulting.