Escrito o:
Reducción de xornada e outros retos do mercado laboral, a debate nunha xornada da CEL
A Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) organizou hoxe en Lugo, na súa sede central, a xornada informativa “Escenario laboral actual: novidades e retos”, organizada no marco das actuacións do Diálogo Social en Galicia, que se pon en marcha por parte de organizacións empresariais e sindicais co apoio da Xunta de Galicia.
Jaime López, secretario xeral da CEL, inaugurou a xornada, referíndose a un dos temas de actualidade no ámbito laboral que preocupa especialmente ao empresariado, a redución da xornada laboral, lembrando o rexeitamento das organizacións empresariais a esta medida sen acordo dos axentes sociais ao considerar que “modificar por lei cuestións que son materia propia dos convenios colectivos, como a redución de xornada que, de feito, xa se están pactando de forma bilateral nos convenios, supón unha intromisión na autonomía da negociación colectiva, consagrada no artigo 37.1 da Constitución”.
Indicou tamén que “máis aló desta consideración, en Confederacións como a nosa entendemos ademáis que, nun momento como o actual en que xa está a resultar tremendamente complicado facer fronte á substitución xeracional do noso persoal ou cubrir determinados postos de traballo, unha medida con estas características ameaza xa non a competitividade senón tamén a propia supervivencia das nosas empresas, especialmente as de moi pequeno, pequeno e mediano tamaño, que son as que conforman o 99% do noso tecido empresarial”.
A directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración en Lugo, Carmen José López, centrou a súa intervención nas numerosas liñas de axuda que convoca a Consellería para impulsar o emprego autónomo e a contratación, destacando a nova medida incorporada este ano para facilitar á mocidade a súa primeira experiencia profesional mediante contratos de formación.
Neste sentido, tamén fixo referencia ás accións formativas que impulsa a Xunta para adaptar os perfís dos traballadores desempregados aos requirimentos do mercado laboral, e ás achegas para reter o talento en Galicia, como o programa ‘Investigo’ ou os incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.
Redución de xornada
Respecto á proposta de reforma legal da xornada de traballo, contouse tamén coas aportacións, por videoconferencia, de Jorge Martín Blanco, avogado, técnico do Departamento de Emprego, Diversidade e Protección Social da CEOE que formou parte do equipo negociador de CEOE na mesa sobre redución de xornada.
Martín Blanco subliñou que, aínda que é aínda difícil avaliar o impacto dunha reforma deste calado nas pemes, si está claro que suporá un importante incremento de custos, tanto económicos como organizativos, e unha perda de competitividade. Subliñou que non existe unha negativa pechada por parte de CEOE e CEPYME a esa redución, senón que está demostrado que “a negociación colectiva funciona” e desde as organizacións empresariais deféndese esa vía do diálogo.
Ademais, explicou que na mesa de negociación desta medida se puxo de manifesto a necesidade de habilitar axudas que compensen os custos asociados á adaptación a esa redución de xornada. Con todo, as axudas en forma de bonificacións deseñadas “estaban previstas soamente para o emprego futuro que se cree”, pero non liquidaban a problemática de incremento de custos que de forma inmediata sufrirán as pemes.
Na xornada sinalouse tamén que probablemente sexa necesario un novo encontro para retomar e determinar cal será o impacto real da redución de xornada, porque aínda se descoñece cal será o resultado final da tramitación lexislativa da reforma.
A xornada de temática laboral de hoxe da CEL, que congregou a máis dunha vintena de participantes, tamén contou coas intervencións de Nicolás González Raposo, xefe da Inspección de Traballo e Seguridade Social en Lugo, que centrou a súa exposición en como afrontar unha inspección de traballo; Miguel Couto Alonso, asesor técnico de Sinistralidade e Absentismo da Mutua ASEPEYO, que abordou a problemática do absentismo laboral e o control de baixas médicas polas mutuas.