Voltar atrás

Escrito o:

Confirmado o descenso da inflación ata o 1,4%

O Instituto Nacional de Estatística (INE) publica hoxe os datos correspondentes á taxa anual do Índice de Prezos ao Consumo (IPC): a inflación modérase até o 1,4%, un punto por baixo da rexistrada en marzo, tal e como xa adiantaba o propio INE a finais do pasado mes.

Pola súa banda a taxa de variación anual da inflación subxacente (índice xeral sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos) redúcese catro décimas até o 1,9%, co que se sitúa por encima da taxa do índice xeral por primeira vez desde outubro de 2009.

Por comunidades, a taxa anual do IPC tamén descende en todas, sendo Castela e León e Cataluña as que rexistran unha maior diminución. Galicia sitúase no medio da táboa, cun descenso do 1,1% que sitúa a taxa anual no 1,3%.

Como xa indicaba tamén o INE a fins de abril, a baixada dos prezos da enerxía ten gran parte da responsabilidade nesta variación do IPC. Así, os grupos con maior influencia nesta variación foron a vivenda (debido, sobre todo, ao descenso dos prezos da electricidade fronte á subida rexistrada o pasado ano);  o transporte (debido á baixada dos prezos de carburantes e lubricantes); lecer e cultura (neste comportamento destaca o descenso dos prezos da viaxe organizada e, en menor medida, dos servizos recreativos e deportivos); bebidas alcohólicas e tabaco e comunicacións (inflúe a baixada de prezos en servizos telefónicos).